viernes, 31 de marzo de 2023

Inauguradas as pistas de adestramento para vehículos do Centro integral de loita contra o lume de Toén e entregadas 13 motobombas ao Servizo de prevención e extinción

 

Celebro moito a nova difundida esta semana pola Xunta de que o conselleiro do Medio Rural, José González, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, escenificaron o pasado martes a súa colaboración para dotar o Centro integral de loita contra o lume de Toén do máximo potencial. Neste senso, a Deputación Provincial comprometeuse a arranxar os accesos ao Centro, no mesmo día no que se inauguraron as novas pistas de adestramento para vehículos todoterreo e motobombas do complexo. 

Foi nun acto no que tamén estiveron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e o alcalde de Toén, Ricardo González, e que tamén serviu para a entrega de 13 motobombas ao Servizo de prevención e extinción.

Dí a nota de prensa que “na súa intervención, o titular de Medio Rural puxo de relevo o compromiso entre ambas administracións pola súa anticipación aos lumes, na liña de cooperación establecida con outras cuestións como os convenios asinados recentemente entre a Consellería, a Deputación e 13 concellos para a dotación de maquinaria de prevención de incendios forestais.

A visita ao Centro integral de loita contra o lume de Toén serviu para proceder á inauguración das pistas de adestramento para vehículos todoterreo e motobombas, cuxo investimento ascendeu a case 900.000 euros, e que se acompañou de demostracións por parte dos axentes que están a participar nos cursos que se desenvolven no centro.

Estas pistas teñen unha lonxitude total de 1.421 metros na que se deseñaron diferentes obstáculos. Así mesmo, acometeuse a execución dunha pequena bancada, unha área para o lavado de vehículos unha vez rematen os exercicios de adestramento e a iluminación do circuíto. Tamén se procedeu á construción dunha pista de adestramento para o dispositivo contraincendios -cunha lonxitude próxima ao quilómetro- na que se alternan unha serie de obstáculos acordes co adestramento deste colectivo.

 Centro de formación e investigación

O Centro integral de loita contra o lume de Toén será un centro de referencia para a cooperación, a investigación e a formación continua en materia de incendios forestais, onde se poderán beneficiar bombeiros forestais procedentes de toda Europa e no que se contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios forestais. Así, o investimento previsto para o acondicionamento deste complexo sitúase nos 15 millóns de euros, incluíndo a rehabilitación dos edificios e a ordenación de toda a contorna do centro, para convertela nun modelo de multifuncionalidade e biodiversidade forestal.

Neste senso, cabe indicar que a Consellería investiu xa 3,5 millóns de euros neste complexo. Procedeuse á adecuación da contorna do centro, realizando a limpeza, roza e retirada de arborado próximo ás edificacións, o tapado de pozos, arquetas e ocos existentes; así como a construción e mellora de viais de acceso. Tamén se executou o peche en todo o perímetro da parcela orixinal do complexo e procedeuse á plantación de árbores de distintas especies.

O seguinte encargo centrarase na rehabilitación do antigo edificio da lavandería para convertelo nun centro administrativo e de formación de brigadas forestais. Neste senso, cabe incidir en que este centro integral constituirá o eixe central do Plan de formación, centralizando así nun mesmo punto a instrución de todo o Servizo e converténdose nun lugar de intercambio de experiencias con outros dispositivos de prevención e extinción de incendios forestais, tanto nacionais como internacionais.

Neste centro tamén se instalará unha aula medioambiental para formar estudantes de toda Galicia e para concienciar á sociedade sobre o traballo dos profesionais contraincendios como defensores do monte e, por extensión, da seguridade das persoas e dos seus bens.

Entrega de motobombas

No acto de hoxe, o conselleiro tamén fixo entrega de 13 novas motobombas ao Servizo de prevención e extinción de incendios forestais, que supuxeron un investimento de case 3,3 millóns de euros, financiados mediante o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia -financiado pola Unión Europea- NextGenerationEU. Trátase de vehículos con capacidade mínima para dúas persoas e 3.500 litros de capacidade útil de auga, ademais de posuír un sistema de protección perimétrica con dous circuítos independentes.

A entrega complementarase coa realización de 13 cursos teórico-prácticos impartidos nos distritos forestais aos que se lles asignan os novos vehículos, e destinados aos bombeiros forestais condutores de motobomba que van manexalos. Neste senso, irán dúas motobombas para o distrito forestal de Terra de Lemos (VIII) e unha motobomba para cada un dos distritos forestais de Bergantiños-As Mariñas Coruñesas (II), de Santiago-Meseta interior (III), de Fisterra (V), da Fonsagrada-Os Ancares (VII), do Ribeiro-Arenteiro (XI), de Miño-Arnoia (XII), de Verín-Viana (XIV), da Limia (XV), de Deza-Tabeirós (XVI), de Vigo-Baixo Miño (XVIII) e de Caldas-O Salnés (XIX).

Así mesmo, José González salientou que tamén está previsto entregar este ano ao Servizo outras máis de 15 motobombas e máis dunha ducia de batracios (que consisten nun tractor con rozadoira para tarefas de prevención e unha cisterna de gran capacidade para os traballos de extinción), xunto a equipamentos de inverno e verán do dispositivo ou equipos de protección individual (EPI) de extinción e adquisición de autorrescatadores.”