Comeza hoxe o terceiro mes de 2023 e seguimos agardando a que ADIF-AV licite as obras pendentes na estación intermodal de alta velocidade de Ourense.
Lembrar que o pasado 16 de decembro estivo en Ourense a entón secretaria de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, para visitar as obras do túnel de Rante, en San Cibrao de Viñas, que forman parte de tramo da variante exterior ferroviaria do AVE á cidade de Ourense.
Preguntada por cando serían licitadas estas obras respondeu, aludindo á información facilitada por ADIF, que: "acabouse o proxecto da estación e unha vez estea a supervisión aprobada pasará á fase de contratación, esperamos que cando a pase licítese a obra, non pasará máis aló do primeiro trimestre do 2023"
Unha resposta que ao meu xuizo evidenciaba o inxustificable cuarto incumprimento dos prazos comprometidos, e a falta de respecto á nosa cidade e aos miles de ususarios da estación de Ourense.
Unha vez máis lembro aqueles compromisos:
1. No DOUE do 7 de marzo de 2019 publicáronse tres anuncios indicativos de Adif Alta Velocidade concernente a tres actuacións referidas á estación de alta velocidade de Ourense: Losa 1, cubrimiento da praia de vías. Estrutura e urbanización. Losa 2: cubrimiento adicional da praia de vías. Estrutura e urbanización e Viario rodado sobre a praia de vías. Nos tres casos estimábase como data de publicación do anuncio de licitación o 1 de xullo de 2019. Este prazo foi flagrantemente incumprido.
2. No DOUE do 2 de abril de 2021 Adif Alta Velocidade anunciou a licitación dos mesmos proxectos antes de finalizar o mes de decembro de 2021. Outra vez houbo un incumprimento flagrante do prazo.
3. Daquela a ministra de Transportes e a presidenta de ADIF-AV manifestaron publicamente que sería no primeiro semestre de 2022 cando se licitarían as obras. Terminou xuño e nada se licitou. Outro descarado incumprimento.
Cando se pediron explicacións por estes incumprimentos díxose desde o Mitma que sen ningunha dúbida, antes de finalizar 2022 as obras serían licitadas.
Así nunha visita a Ourense o 7 de setembro de 2022, o delegado do goberno José Miñones declarou “xa nada nos frea”, en referencia á licitación destas obras. Pero agora quedou acreditado que era outra mentira e que novamente se incumpriron os compromisos.
A realidade é que desde a inauguración en decembro de 2021 dos servizos de alta velocidade, a nosa estación experimentou un enorme crecemento do número de viaxeiros e evidenciáronse as carencias da actual terminal:
Longas colas de persoas para acceder aos trens, que chegan as veces mesmo ata o medio da praza exterior, soportando así o sol ou a choiva.
Taxistas que esperan aos usuarios sen unha marquesiña que lles ampare.
Insuficiencia da sala de espera e estreitezas nos corredores, no control de viaxeiros e equipaxes, etc.
Pequenos ascensores e carencia de escaleiras mecánicas para moverse entre plataformas, producíndose aglomeracións.
As actuais marquesiñas, non cobren toda a lonxitude do tren. Quen chegue a Ourense na metade traseira do Ave nun día chuvioso debe saber que terá que andar á intemperie; e os días de vento, a choiva cóase mesmo por outras zonas da estación.
O certo é que todas estas carencias da estación de Ourense terían que estar en vía de solución se ADIF-AV licitase en prazo as moi necesarias obras pendentes na estación intermodal de alta velocidade e que están recollidas no estudo informativo aprobado e comprometidas en firme no Convenio asinado o 22 de xuño de 2016 entre o Ministerio de Fomento, Adif, Xunta e Concello de Ourense.
Son entre outras estas:
. Actuacións na praza de acceso que se expón como unha prolongación natural do vestíbulo principal do edificio de viaxeiros, xerando tres bandas paralelas á Avenida de Marín.
. Actuación como elemento integrador no edificio de viaxeiros dunha solución de cubertas solapadas que recollen todos os novos espazos e intervencións baixo un único elemento.
. Execución dun cubrimiento parcial da praia de vías para reducir os niveis de ruído e vibracións nos edificios próximos derivado do incremento dos tráficos ferroviarios. Esta zona comprende desde a Avenida de Santiago ata aproximadamente a Rúa Ático Noguerol.
Resulta paradoxal que a cidade galega que recibiu primeiro a alta velocidade, en decembro de 2021 sexa a última en ter unha estación intermodal de alta velocidade modernizada e reformada. Vigo ten a súa estación concluída, en Santiago están a executar as obras e na Coruña licitáronse as obras. É inxustificable a marxinación do Goberno de Pedro Sánchez a Ourense.
Agardo que neste mes de marzo teña finalmente lugar a licitación.