Dice en la nota de prensa:
"Ethel Vázquez subliñou a satisfacción de asinar
este acordo no que po Goberno galego leva moitos anos traballando e negociando
coas administracións implicadas para facer realidade esta infraestrutura
estratéxica para Lugo. Este convenio, explicou, ratifica e pon sobre o papel as
responsabilidades que asume cada administración para a execución e
financiamento das actuacións para que Lugo e os seus veciños dispoñan dunha
estación intermodal de futuro e adaptada ás necesidades de transporte dos seus
cidadáns cun investimento conxunto de 49,2 M€.
Ethel Vázquez salientou que desde o Goberno galego non se
escatimaron esforzos e se fixo un exercicio de responsabilidade e de
xenerosidade incrementando ata un 50% a contía que correspondería achegar para
financiar a nova estación de autobuses, elevando o investimento autonómico ata
case os 13,7 M€. A Xunta executará a nova terminal, xunto co aparcadoiro, que
responde ás necesidades da terminal ferroviaria.
Para iso, tal e como indicou, a Xunta ten iniciado xa a
correspondente tramitación urbanística, segundo a Lei 3/2016 de medidas en
materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese, que
facilitará a execución e permitirá acurtar os prazos do procedemento.
A conselleira avanzou que a Xunta iniciará de xeito
inmediato o trámite ambiental e está cos traballos que quedan pendentes para
completar o proxecto construtivo da nova estación de autobuses, co obxectivo de
licitar as obras este mesmo ano e inicialas no 1º trimestre de 2024.
Ethel Vázquez incidiu en que a Xunta executará unha
nova estación de autobuses integrada na estación de tren, cun investimento
autonómico de 9 M€. Será unha estación moderna, accesible e preparada para
prestar o mellor servizo. O edificio terá 2 andares e 550 m² de superficie en
planta; con 23 dársenas, espazos diáfanos e uns accesos axeitados.
Estímase que serán preto de 620.000 viaxeiros os que
empreguen a nova terminal de autobuses, que poderán facer o intercambio coa
estación de tren en tan só 2 minutos.
Terá, tamén un gran aparcadoiro subterráneo, de 240
prazas asociadas ás necesidades da terminal ferroviaria. Por iso, explicou a
conselleira, é Adif quen redacta o proxecto, aínda que será a Xunta a encargada
da súa construción, conxuntamente coa estación de autobuses, ademais de asumir
o 37,5% do investimento necesario, cunha achega autonómica que segundo precisou
será de 4,7 M€ para o aparcadoiro.
As pezas que conforman o puzle da
intermodal de Lugo complétanse coa nova estación ferroviaria, que inclúe un
novo edificio e un paso inferior, de responsabilidade de Adif, e coa
integración urbana, que se conseguirá, principalmente, coa construción dun novo
paso de cidade, un paso inferior peonil entre o centro urbano e o parque do
Sagrado Corazón, que conectará ambos os lados das vías, vertebrando a cidade.
Ethel Vázquez fixo fincapé nas actuacións ratificadas
neste convenio para dotar Lugo dunha intermodal de futuro, cunha nova terminal
de autobuses moderna, eficiente e funcional; modernizando a estación
ferroviaria; habilitando un verdadeiro nó de comunicacións de intercambio
rápido e seguro, no que os viaxeiros poden transbordar entre o tren e o autobús
en cuestión de 2 minutos, e totalmente integrada na trama urbana.
Avanzou que a Xunta asume tamén o compromiso de manter
parcialmente en uso como intercambiador de transporte a vella terminal,
procurando, de forma dialogada e consensuada, o camiño que permita asegurar que
ese equipamento segue a contribuír a dinamizar a vida social e comercial do
barrio no que se asenta.
Ethel Vázquez defendeu que para obter o rendemento
necesario desta grande infraestrutura se necesita completala cunha axeitada
oferta de servizos, polo que optimizar esta estación intermodal pasa por obter
o máximo rendemento do ferrocarril da alta velocidade.
Así, a conselleira manifestou que o traballo debe
continuar, dado que para que a intermodal cumpra co cometido co que está
concibida debe haber trens e alta velocidade, algo que a Xunta seguirá
demandando con ánimo construtivo e cunha lealdade institucional que se agarda
sempre ver correspondida.
A titular de infraestruturas da Xunta apelou á obriga de
conseguir que a construción da estación intermodal de Lugo vaia parella a
iniciativas peonís innovadoras que permitan achegala á cidade, a un reforzo da
oferta de servizos e a garantías de conexión coa alta velocidade ata cumprir os
tempos de viaxe comprometidos, 3 horas e 47 minutos na conexión con Madrid.
Congratulouse do paso dado hoxe coa sinatura deste
convenio e referiuse aos retos pendentes para Lugo e toda a provincia, como o
necesario impulso do Corredor Atlántico de mercadorías, do que se aspira a que
forme parte do seu trazado tamén a conexión Monforte-Lugo-A Coruña-Ferrol.
Por último, referiuse á necesidade dunha resposta áxil e
urxente para reconstrución os viadutos da A-6, que manteñen pechada en
Pedrafita unha das principais arterias de comunicación de Galicia coa Meseta."
O Mitma puso na sua web esta nota: "O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma), o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia deu o paso definitivo para a transformación da estación ferroviaria de Lugo e o impulso ao transporte intermodal na cidade. Así, o secretario de Estado, David Lucas; a presidenta de Adif, María Luisa Domínguez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a conselleira de Infraestruturas e Movilidad da Xunta, Ethel Mª Vázquez, asinaron hoxe o convenio para o desenvolvemento da nova área de transporte intermodal da capital lucense e a mellora a súa contorna urbana, cun investimento superior a 49 millóns de euros.
“É un proxecto que non só implica á propia estación, se non tamén se está traballando na ligazón Monforte-Ourense-Lugo para mellorar o sistema ferroviario do municipio de Lugo e a súa provincia, así como para mellorar a accesibilidade do ferrocarril na zona”, asegurou o secretario de Estado tras a firma do convenio, acto no que estivo acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones.
Neste sentido, David Lucas destacou o forte compromiso investidor con Lugo e Galicia e a importancia da futura estación intermodal, xa que este tipo de actuacións axuda a facer cidade e ten como obxectivo avanzar na sustentabilidade, a accesibilidade e, sobre todo, en mellorar a calidade de vida das persoas.
Un compromiso investidor que se reflicte no convenio, xa que Adif financiará o 63% do proxecto (30,9 millóns de euros), mentres que a Xunta achegará o 27,9% do orzamento e o Concello de Lugo sufragará o 9,5%.
Tras a firma do convenio, Adif poderá iniciar o proceso de licitación das obras do novo complexo intermodal que, con 31.440 m2 de superficie, acollerá o novo edificio de viaxeiros da estación de ferrocarril e unha estación de autobuses, ambos os integrados na trama urbana, un paso peonil, pasos rodados e un aparcamento.
Edificio de viaxeiros
Segundo consta no citado convenio, Adif executará o novo edificio de viaxeiros, compatibilizando os traballos coa explotación ferroviaria. O edificio integrarase na praza intermodal que conectará as estacións de ferrocarril e autobús.
Así mesmo, proxectouse un novo paso baixo vías de 20 metros de ancho, repartidos entre 8 metros destinados á comunicación entre plataformas, exclusiva para os usuarios do ferrocarril, e 12 metros ao paso urbano peonil. Así, permitirase a conexión transversal, salvando a traza do ferrocarril entre o centro urbano e o parque do Sacro Corazón.
Esta conexión deseñouse con criterios de xénero, eliminando espazos residuais e potenciando a iluminación e visibilidade. Estará, ademais, dotada dun carril bici e ramplas integradas nunha contorna axardinada que a farán accesible e integrada no espazo urbano. Así, quedarán conectados ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, os elementos de comunicación vertical e a urbanización asociada.
A súa execución, que tamén se compatibilizará co servizo ferroviario, coordinarase co resto das administracións.
Adif encargarase tamén da urbanización do exterior da estación e a conexión do paso inferior coa contorna na zona de Praza Conde Fontao-Rúa Alta e Parque do Sacro Corazón, actuando con criterios de sustentabilidade ambiental. Á súa vez, adecuará o cerramento da estación para evitar accesos indebidos á zona de vías e plataformas. Tamén levará a cabo a remodelación do viario e accesos rodados na zona da Praza Conde Fontao-Rúa Alta.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia executará, de maneira conxunta á estación de autobuses, un novo aparcamento subterráneo proxectado por Adif, que duplicará o número de prazas actuais.
A actuación poderá ser cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027."
Valoración
Celebro
a firma deste convenio para desenvolver a estación intermodal da cidade de
Lugo. Desexo que todas as partes firmantes cumpran e respeten os prazos.
Lembro
que a día de hoxe, na cidade de Ourense aínda están pendentes de licitar por parte de de
ADIF-AV importantes obras na estación intermodal de alta velocidade e que están
recollidas no estudo informativo aprobado e comprometidas en firme no
Convenio asinado o 22 de xuño de 2016 entre o Ministerio de Fomento, Adif,
Xunta e Concello de Ourense.