martes, 7 de marzo de 2023

Galicia urxe unha xuntanza directa do noroeste co comisionado do corredor atlántico para recuperar o tempo perdido na rede ferroviaria de mercadorías

 

Onte a  conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou no acto de presentación do Comisionado para o Corredor Atlántico que tivo lugar en Xixón, coa presenza de todas as comunidades polas que transcorre o Corredor, polo que non foi este un foro no que Galicia, Asturias e Castela e León puideran defender as súas singularidades e intereses comúns. 

 

Vázquez Mourelle indicou, que a presentación deste Comisionado é un primeiro paso importante, pero lamentou que se active case 5 anos despois de que estea funcionando o do Corredor Mediterráneo e mes e medio despois de que se anunciase o seu nomeamento.

 

Remarcou que o encontro de hoxe se celebra nun marco xeral para todas as comunidades polas que pasa o Corredor, sen prestar a atención diferenciada que merece o noroeste peninsular, como veñen reclamando Galicia, Asturias e Castela e León.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta incidiu en que a xuntanza desta mañá serviu para constatar que o Goberno de España non iniciou aínda a elaboración do Plan Director do Corredor Atlántico que as comunidades do noroeste veñen anos reclamando e que, polas previsións que manexa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, non se agarda que estea elaborado aínda ata outubro.

 

Neste sentido, lamentou que o Goberno non teñan concretado os plans para impulsar os investimentos que o noroeste necesita e manifestou preocupación, pois para Galicia, o desenvolvemento do Corredor Atlántico é un obxectivo estratéxico para incrementar as capacidades loxísticas e a competitividade económica e empresarial.

 

Puxo en valor o traballo das comunidades do noroeste durante estes anos, ao ter xa definida unha estratexia de actuación para desenvolver o Corredor Atlántico nos correspondentes territorios. Así, sinalou que se teñen identificadas as necesidades de actuación máis prioritarias nesa infraestrutura, que precisa un investimento estimado en preto de 8.000 M€ que cómpre empezar a executar canto antes, aproveitando a oportunidade única dos fondos europeos do Mecanismo Conectar Europa.

 Recordou que o trazado orixinal do Corredor Atlántico Europeo excluía Galicia e, grazas á alianza co Principado de Asturias e con Castela e León, logrouse unha rectificación e a corrección deste erro histórico.

 Desde este fito, lembrou que as tres comunidades veñen demandando que ese logro de incorporación ao Corredor Atlántico se traduza, para o noroeste e para Galicia, nunha renovación e modernización da rede ferroviaria de mercadorías.

 

Galicia ten 5 portos de Interese xeral do Estado, unha posición xeográfica privilexiada, como fachada atlántica e porta de entrada de Latinoamérica a Europa, ademais dunha relación moi estreita e intensa con Portugal.

 

Ademais, Galicia conta con sectores produtivos punteiros cun alto nivel de especialización e, en consecuencia, é prioritario o desenvolvemento desta actuación para contribuír ao progreso e a cohesión de Europa.

Lamentamos que o Comisionado do Corredor Atlántico naza case 5 anos despois da posta en marcha do Comisionado do Corredor Mediterráneo. É evidente que o desenvolvemento de ambos por parte do Goberno de España non é parello.

Ese retraso é maior aínda no caso das comunidades do noroeste: Galicia, Asturias e Castela. Por iso, as tres comunidades manifestamos onte a necesidade de ter con carácter inmediato e urxente unha xuntanza directa co Comisionado sobre o Corredor Atlántico do Noroeste, xa que detectamos erros e ausencias preocupantes na definición de investimentos:

- Non se entende que se contabilicen como investimentos os orzamentos xa executados hai anos no Eixo Atlántico ou do AVE Madrid-Galicia.
 
- Nin tampouco o desenvolvemento desa infraestrutura sen incluír o Porto de Vigo e a conexión de Ferrol.

Ademais, consideramos intolerable que o comisionado veña a Galicia e non se reúna coa Xunta. Temerá que lle digamos as verdades e débedas con esta terra.