viernes, 10 de marzo de 2023

A Xunta aproba o proxecto para desenvolver o eixe de mobilidade sostible no treito entre o pavillón dos Remedios e Expourense

 

Onte o Consello da Xunta aprobou o proxecto de trazado para desenvolver o eixe de mobilidade sostible entre Os Remedios e Expourense, ao longo do río Barbaña, no concello de Ourense, cun investimento de 3,8 millóns de euros.

Di a nota difundida que "este orzamento autonómico inclúe o pagamento dos 19 predios necesarios para a execución deste treito que, partindo da estación intermodal, aproveitará o espazo que ofrece o percorrido do río Barbaña, prolongándose nos seus extremos para conseguir unir os puntos para peóns e ciclistas.

A aprobación definitiva deste proxecto leva aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos predios necesarios para executar a senda do Barbaña, que ten como obxectivo fomentar a mobilidade sostible para os veciños de Ourense e ofrecer aos visitantes un itinerario accesible e seguro a algúns dos principais puntos de atracción turística ou servizos de interese para a cidade.

Este novo itinerario terá 3,5 quilómetros de lonxitude e abrangue o tránsito polo paseo na marxe do río Barbaña, acondicionando e mellorando a sinalización onde sexa necesario e dándolle continuidade no treito no que este se interrompe, é dicir, entre a praza de Abastos e A Molinera.

De xeito xeral, neste treito optimizaranse os pavimentos para a circulación peonil e ciclista, melloraranse os cruces para dar preferencia aos peóns e ciclistas, reforzarase a accesibilidade e conexións coa contorna, e mellorarase a sinalización das zonas de estacionamento de vehículos.

Este é un dos tres proxectos da Xunta para impulsar un eixe de mobilidade sostible que irá desde a intermodal ata Expourense -pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, o paseo do Barbaña, o CHUO, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz- e que conectará a cidade a través de 5,1 km de itinerarios, cun investimento da Xunta de 7,23 M€.

Senda do Barbaña

En concreto, dentro do proxecto aprobado hoxe polo Executivo autonómico, recóllense varias actuacións de relevancia ao longo do río Barbaña, mellorando os itinerarios de mobilidade actuais.

Facendo un percorrido de norte a sur, prevese a solución para a beirarrúa precintada na marxe dereita do estribo da Ponte Romana de Ourense, onde se executará unha nova estrutura metálica para o paso peonil independente.

Tamén  se conseguirá unha mellor conexión entre a Ponte Romana e a senda do Barbaña, cun novo paso para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela.

Ao longo do percorrido, mellorarase o acceso ás Burgas, conectaranse de modo directo os paseos do Barbaña e do Barbañica. E, finalmente, actuarase no acceso á zona do pavillón Paco Paz e a Expourense.

Tras a análise das achegas recibidas, o departamento de Infraestruturas da Xunta, reaxusta o trazado do paso proxectado no inicio da avenida Pardo de Cela, incluíndo na zona de circulación un paso elevado cun pavimento de pedra axeitado, e cunha solución de drenaxe e iluminación do paso.

No proxecto a executar tamén se inclúe a comunicación dos paseos de ambas as marxes do río a través da rúa Portocarreiro, mediante un paso elevado.

Ademais, a intervención prevé a modificación do trazado da conexión do paseo do Barbaña coa praza das Burgas, substituíndo o trazado previsto no proxecto, que discorría paralelo á ponte da rúa Irmáns Xesta, pola conexión a través da rúa Canella do Rastro. Deste xeito, compatibilizarase a circulación de vehículos e o acceso ás garaxes existentes, co novo itinerario peonil e ciclista de conexión desde a senda do Barbaña, prolongando a conexión baixo a rúa Progreso ata a praza das Burgas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará as obras a finais deste mes de marzo, e convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre deste ano, co obxectivo de comezar os traballos no outono. A actuación ten un prazo de execución de 14 meses.

A Xunta continúa traballando na materialización e desenvolvemento deste eixe de mobilidade sostible que conectará Ourense a través de 5,1 km de itinerarios, que multiplicarán a súa funcionalidade, conformando unha rede conectada de 16 quilómetros, da intermodal á Ponte Vella, ás Burgas, o CHUO, Expourense e Seixalbo; de Outariz a Oira; e de Barbadás a Ourense.

 Esta intervención enmárcase nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas."