Hoxe o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou a aposta de Galicia polas infraestruturas do norte peninsular para sumar competitividade tanto no transporte de mercadorías como do hidróxeno verde. Así o indicou trala reunión da Comisión do Arco Atlántico á que asistiu en Vitoria xunto co presidente de Euskadi, Íñigo Urkullu; o de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, e o de Asturias, Adrián Barbón.
Na web da Xunta consta que "O mandatario autonómico, que acudiu ao encontro
acompañado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez,
avogou por potenciar as comunicacións entre as Comunidades autónomas do norte
para colocarse na primeira liña de saída perante os retos que se presentan a
través dos Next Generation e as enerxías renovables.
O presidente da Xunta destacou que os representantes
das catro Comunidades autónomas coincidiron na necesidade de apostar polo
corredor atlántico de mercadorías para non quedar illados de Europa “e porque o
pide a propia UE”, puntualizou. Recordou o cumio celebrado a finais de xaneiro
en Galicia e no que participaron tamén Asturias e Castela e León, que tivo como
consecuencia inmediata a creación do Comisionado que se reclamaba desde había
anos, polo que o presidente de Xunta remarcou que este tipo de encontros
permitían non só intercambiar comunicacións de interese senón tamén levar a
cabo “accións coordinadas” con resultados satisfactorios.
Alfonso Rueda mostrou o apoio inequívoco de Galicia á
reclamación acordada na Comisión do Arco Atlántico para que a conexión
ferroviaria con Europa desde o norte de España pase por Euskadi e que o faga a
través de Francia, de aí a necesidade de sumar ao país veciño para o enlace con
esta infraestrutura prioritaria.
Polo que respecta ao hidróxeno verde, Rueda indicou
que Galicia aspira a ser un territorio clave no impulso dos gases renovables,
pero precisa de infraestruturas para o seu transporte, de aí que a Comunidade
galega apoie tamén a conexión da rede con Europa a través de Euskadi.
No encontro abordáronse tamén outras cuestións que
afectan ao norte e ao noroeste peninsular, con especial atención ao reto
demográfico. Nese sentido, Rueda defendeu as medidas pioneiras adoptadas en
Galicia, como a lei de impulso demográfico, a gratuidade nas escolas infantís
ou a creación de casas niño e de casas do maior. Subliñou que “o que funciona
nun lugar pode funcionar noutros territorios”, polo que no encontro se
intercambiaron tamén diferentes experiencias para facer fronte ao declive
poboacional.
Os catro mandatarios coincidiron tamén na conveniencia
de facer oficial este tipo de encontros coa formalización dun foro de
presidentes permanente. Rueda indicou que do mesmo xeito que se pide
cogobernanza ao Goberno central, “todo será máis fácil se nos poñemos de acordo
e por riba de intereses partidistas poñemos a defensa dos nosos territorios”,
defendeu o presidente da Xunta, recalcando que ese era precisamente o obxectivo
dos foros interterritoriais.
O titular do Goberno galego concordou cos seus colegas
de Euskadi, Cantabria e Asturias na conveniencia de crear unha macrorrexión
atlántica que permita unir forzas na defensa destes intereses comúns e perante
os retos que se presentan arredor dos Next Generation, e considerou de interese
a incorporación de Portugal pola aposta que o país veciño está a facer pola
conexión terrestre a través do noroeste peninsular. "