lunes, 17 de abril de 2023

A nova lei de vivenda invade competencias autonómicas e vai a limitar a oferta de vivendas no mercado

 

Hoxe o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, alertou no Parlamento galego da deriva “centralizadora” que está a adoptar o Goberno de Pedro Sánchez, xa que á xestión dos fondos europeos ou a imposición do imposto ás grandes fortunas nalgunhas comunidades súmase agora a nova Lei de vivenda, que se elaborou sen contar coas comunidades autónomas a pesar de ter competencias nesta materia.

Pedro Puy lembrou que o Goberno central “esta a realizar multitude de accións claramente recentralizadoras, sen ter en conta ás comunidades autónomas”. Así, citou a centralización total dos fondos europeos, principalmente os destinados ao impulso industrial, onde as comunidades como Galicia teñen competencia; ou “como se vulnera a autonomía fiscal das comunidades, como acontece coa creación do imposto ás grandes fortunas, sobre o que esperamos que o Tribunal Constitucional recoñeza que se trata de anular as decisións financeiras que, dentro das súas  competencias adoptan determinadas comunidades”.

CONFUSIÓN E CONFLITIVIDADE COA NOVA LEI DE VIVENDA

“Sempre que denunciamos estas cuestións se nos acusa de confrontación, aínda que posteriormente se recoñeza que algunhas das demandas feitas por Galicia eran obxectivamente xustificadas, como é o que está a acontecer co retraso na posta en marcha do Corredor Atlántico”, apuntou.

Respecto da nova Lei de vivenda anunciada polo Goberno central, o portavoz popular explicou que as competencias neste ámbito son autonómicas, polo que “aprobar un proxecto de lei sen consultar coas comunidades na súa preparación pode xerar unha confusión, e mesmo unha conflitividade diante do Tribunal Constitucional, ao regularse sobre unha mesma materia desde dúas instancias”.

Deste xeito, Puy demandou que “se teña en conta os criterios das comunidades autónomas e por iso solicitamos, do mesmo xeito que xa fixo a conselleira, a convocatoria dunha conferencia sectorial, aos efectos de tratar de consensuar os criterios desa nova Lei de vivenda”.

Pedro Puy explicou que “o problema da vivenda é de oferta”, xa que “non hai suficientes vivendas alí onde existe demanda para atender as necesidades das familias, o que non só encarece o prezo senón que moitas veces leva ás familias a non ter opcións de aluguer”. “Todo isto se pode agravar con propostas incluídas na nova Lei, como a obriga de que o 50 por cento das vivendas protexidas edificadas en solo de reserva se destinen a alugueiro; a limitación dos prezos do alugueiro en zonas tensionadas; ou a modificación lexislativa para ofrecer unha maior protección aos okupas cando se encontren en situación de vulnerabilidade”, engadiu. Tamém abre a porta a recargas no IBI de vivendas vacías, xerando inseguridade e castigando o aforro.

Finalmente, cualificou de “sorprendente” o anuncio feito onte por Pedro Sánchez nun acto electoral de que a Sareb porá no mercado 50.000 vivendas para o seu aluguer a prezo asequible. Neste sentido, dixo que, ata o de agora, a Sareb puxo en mans das comunidades autónomas no entorno de 1.800 vivendas, que no caso de Galicia foron 47, das que 40 acaban de ser adquiridas pola Xunta para ser destinadas a alugueiro social.

O portavoz popular lamentou que a propia Sareb recoñeza que “as súas propiedades están en lugares onde apenas hai demanda de vivenda, o que non resolve o problema de vivenda das familias nas grandes cidades”. Por este motivo, incidiu na ineficacia deste anuncio, “porque non coinciden os lugares nos que a Sareb ten inmobles con aqueles sitios onde a presión sobre o mercado inmobiliario impide a moitas familias acceder a un alugueiro razoable”.

INVESTIMENTOS EN VIVENDA

Sobre os investimentos realizados pola Xunta en materia de vivenda en 2022, Pedro Puy recordou que “a execución dos fondos de vivenda é plurianual, polo que non se poden tomar datos de forma parcial e menos aínda nun ano concreto”. 

En todo caso, indicou que, segundo a execución orzamentaria correspondente a ese ano, a Xunta gastou o 79,83 por cento do seu presuposto para vivenda, unha cifra semellante á realizada polo Goberno bipartito. Pola orixe destes fondos, executáronse a totalidade dos procedentes da Xunta, o 73,32 por cento dos finalistas do Estado e o 80,32 por cento dos remitidos pola Unión Europea.

Porén, Pedro Puy criticou “o atraso co que se convocaron as liñas de axuda financiadas con fondos estatais e europeos, unha cuestión atribuíble unicamente a que o Goberno de Pedro Sánchez non asinou o novo Plan estatal de vivenda coa Xunta ata o mes de xullo, tardando ademais tres meses en transferir os fondos europeos que lle correspondían a Galicia”.

Pola contra, salientou a axilidade do Goberno galego á hora de tramitar as convocatorias financiadas con este diñeiro, poñendo como exemplo o bono alugueiro para a mocidade, onde Galicia foi a primeira comunidade en convocalo, en decembro xa tiña todas as solicitudes resoltas e neste momento xa se está procedendo ao pago das axudas, esgotando os 22,4 millóns de euros dispoñibles.