jueves, 27 de abril de 2023

EPA IT 2023: Aumenta o paro en Galicia en 3.700 persoas en relación co primeiro trimestre de 2023

 

Difunde hoxe o IGE un informe sobre a Enquisa de poboación activa (EPA) do primeiro trimestre de 2023 que é unha investigación por mostraxe, continua e dirixida aos fogares que o Instituto Nacional de Estadística (INE) realiza dende 1964.

Estos son os resultados:

Poboación activa

No primeiro trimestre de 2023 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.346.500 persoas, das cales 1.238.700 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 52,8%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas aumenta en 2.800 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,1 puntos respecto ao cuarto trimestre de 2022.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2022, o número de persoas activas aumenta en 6.300 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,1 puntos.

Por sexo, a taxa de actividade masculina aumenta 0,4 puntos respecto á cifra rexistrada hai 3 meses, situándose no 56,6%. A taxa de actividade feminina, pola contra, diminúe 0,2 puntos porcentuais, e sitúase no 49,3%.

Poboación ocupada

A ocupación diminúe en 800 persoas no primeiro trimestre de 2023 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.103.700 persoas ocupadas. A taxa de ocupación decrece con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 47%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 12.300 persoas, o que supón un incremento do 1,1% en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre aumentou a ocupación masculina, pero diminuíu a feminina: o número de ocupados varóns aumentou en 3.400 persoas respecto ao cuarto trimestre do ano 2022; a ocupación das mulleres, pola contra, rexistrou unha diminución de 4.300 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nun incremento da taxa de ocupación masculina de 0,2 puntos e nun decrecemento da taxa feminina en 0,3 puntos con respecto ao trimestre pasado.

Con respecto ao primeiro trimestre do ano 2022, o número de homes ocupados diminuíu en 3.800 persoas (un -0,7%), mentres que o de mulleres ocupadas aumentou nun 3,1%.

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre diminuíu en todos os sectores, agás na construción, onde aumentou. Na agricultura e pesca, a diminución da poboación ocupada cifrouse en 5.200 traballadores e traballadoras menos que hai 3 meses. Na industria, a ocupación diminuíu en 900 persoas. Nos servizos a baixada situouse en 200 persoas menos. Pola contra, na construción a ocupación aumentou en 5.300 persoas respecto ao trimestre anterior.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2022, a ocupación diminúe na industria (-4,1%) e na construción (-0,3%), pero aumenta no sector primario (6,3%) e nos servizos (2%).

Poboación asalariada

En Galicia había 897.200 persoas asalariadas no primeiro trimestre de 2023, 749.700 con contrato indefinido e os 147.500 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 700 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido, o que supón un incremento de 0,1 puntos en termos relativos. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe, pola contra, en 1.800 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 1,2% con respecto ao cuarto trimestre de 2022). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 8,4%, e as persoas con contrato temporal diminuíron un 26,4%.

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 16,4%.

Poboación parada

No primeiro trimestre de 2023 en Galicia había 135.100 persoas en paro, 3.700 máis que no trimestre anterior. A taxa de paro aumenta 0,3 puntos e sitúase no 10,9%.

Con respecto ao primeiro trimestre do ano 2022, o número de parados e paradas diminúe en 5.900 persoas (un 4,2%) e a taxa de paro, a súa vez, decrece 0,5 puntos en termos interanuais.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, aumenta tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados sitúase en 64.100 persoas (2.300 máis que hai tres meses) e o de mulleres é de 71.000 persoas (1.400 mulleres máis). Ambas as dúas taxas de paro, tanto a masculina como a feminina, aumentan 0,3 puntos porcentuais, situándose a primeira no 10,1% e a segunda no 11,8%.

No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino baixa en 600 persoas (un 0,9% menos) e o volume de paradas diminúe en 5.400 persoas (un 7,1% menos que hai un ano).

Fogares

No primeiro trimestre de 2023, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 4.900 unidades e sitúase en 57.200 fogares. Respecto ao primeiro trimestre de 2022, esta tipoloxía de fogares increméntase un 12,8%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 400 unidades. O número de fogares nesta situación é de 640.500. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 9.900 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 1,6% en termos relativos.

Poboación xuvenil

Dos 323.800 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 120.500 (o 37,2%) están ocupados/as, 28.900 (o 8,9%) parados/as e os 174.400 (o 53,9%) restantes son inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 37,2% no primeiro trimestre de 2023. Con respecto ao trimestre anterior aumenta 1,3 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2022 aumenta 2,4 puntos.

A taxa de paro xuvenil sitúase no 19,4% neste trimestre; diminúe 0,4 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co primeiro trimestre de 2022, diminúe 5,3 puntos.

No primeiro trimestre de 2023, o 73,3% dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao cuarto trimestre de 2022, esta cifra baixa un 0,8%. A cifra de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial aumenta, pola contra, neste trimestre; en concreto, sobe en 4.800 persoas. Con respecto ao primeiro trimestre de 2022, aumenta tanto a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 6.200 persoas), como a ocupación a xornada parcial (en 3.000 persoas).

Dos 110.900 asalariados e asalariadas existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 60,1% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. O número de mozos e mozas con contrato indefinido aumenta un 4,9% respecto ao trimestre anterior; aumenta tamén, neste caso un 40,8%, respecto ao mesmo trimestre de 2022. O número de mozos e mozas asalariadas con contrato temporal aumenta un 4,7% respecto ao trimestre pasado, pero diminúe un 20,4% respecto ao primeiro trimestre de 2022.

A taxa de temporalidade para o colectivo dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 39,9%.

Fontes de información

INE-IGE. Enquisa de poboación activa (EPA)