martes, 4 de abril de 2023

Pedro Puy propón a BNG e PSdeG reunirse no Parlamento de Galicia para analizar a situación na que se atopa a tramitación do traspaso da AP-9 no Congreso

 

Esta mañá o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, propuxo a BNG e PSdeG a celebración dunha reunión conxunta na que analizar a situación na que se atopa a tramitación no Congreso da proposición de lei aprobada no Parlamento de Galicia para o traspaso da AP-9 á Comunidade galega e valorar as posibles accións que se poden emprender para axilizar esta transferencia.

Pedro Puy explicou que o Presidente da Xunta trasladou ao Grupo Popular a solicitude de entrevista realizada pola portavoz do BNG para tratar o atraso na tramitación do traspaso da AP-9, “xa que considera que, ao ser unha demanda aprobada no Parlamento galego, é máis respectuoso que se analice a situación nesta institución e se adopten as medidas que se consideren oportunas”.

PONENCIA BLOQUEADA 17 MESES

O Pleno do Congreso tomou en consideración esta proposición de lei o 2 de febreiro de 2021, co voto favorable de 287 deputados, polo que leva máis de dous anos de tramitación a consecuencia das manobras dilatorias levadas a cabo polo Grupo Socialista e Podemos, que bloquearon durante 17 meses a reunión da ponencia, que finalmente se celebrou o pasado 16 de marzo a iniciativa do deputado do PP Celso Delgado.

O portavoz popular amosouse “escéptico sobre a posibilidade de que o traspaso da AP-9 a Galicia se realice na actual lexislatura estatal coas dotacións económicas pertinentes, aínda que debe seguir sendo o noso obxectivo”, porque afirmou que “o importante das transferencias á que se lle dea á comunidade autónoma a capacidade financeira suficiente para a xestión, tendo en conta o custe efectivo que a autopista supón na actualidade para o Estado”.

ACOMPAÑADO DE COMPROMISO ORZAMENTARIO

Neste sentido, apuntou que o traspaso da competencia na AP-9 debe vir acompañado do compromiso por parte da Administración Xeral do Estado de asumir con cargo aos seus orzamentos o cumprimento de todas aquelas actuacións comprometidas neste autoestrada, así como todas aquelas que sexan necesarias no futuro para o cumprimento da normativa. Así mesmo, dotará á Comunidade galega dos medios económicos necesarios para facer fronte á implantación dunha serie de medidas de bonificacións ata o final do período de concesión.

Porén, Pedro Puy lembrou que esta transferencia “fora anunciada a bombo e prato” polo BNG como parte expresa do pacto que asinaron co Partido Socialista para a investidura de Pedro Sánchez. “Debemos de esquecer estas cuestións e facer unha fronte común para que os grupos parlamentarios no Congreso saiban que a totalidade do Parlamento galego discrepan de como se está a facer a tramitación desta proposición de lei”, dixo.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2023/04/04/pp-plantea-reunion-bng-psdeg-analizar-tramitacion-traspaso-ap-9/00031680608706520545739.htm

https://www.abc.es/espana/galicia/rueda-plantea-oposicion-frente-comun-horreo-ap9-20230404173305-nt.html

https://www.europapress.es/galicia/noticia-pp-rechaza-demanda-ponton-verse-rueda-ap-propone-reunion-portavoces-parlamentarios-20230404152102.html

https://www.lavanguardia.com/local/galicia/20230404/8877540/pp-rechaza-demanda-ponton-verse-rueda-ap-9-propone-reunion-portavoces-parlamentarios.html