viernes, 21 de abril de 2023

O PP urxe no Congreso a convocatoria da Ponencia sobre a transferencia da AP-9 a Galicia para que o acordo chegue xa nesta lexislatura


Hoxe desde o PP de G difundimos esta nota de prensa:

O PP urxe no Congreso a convocatoria da Ponencia sobre a transferencia da AP-9 a Galicia para que o acordo chegue xa nesta lexislatura

“Desde o PPdeG, tanto en Galicia como en Madrid, estamos comprometidos coa transferencia. Imos seguir insistindo para que non se adíe máis a súa tramitación”, di Celso Delgado, membro do órgano de traballo xunto a Jaime de Olano.

21 de abril de 2023. Os deputados galegos Celso Delgado e Jaime de Olano veñen de solicitar no Congreso que se adopten “todas as actuacións necesarias” para convocar a Ponencia da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autopista AP-9 á Comunidade Autónoma de Galicia.

Así llo trasladan por escrito á Mesa da Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, co fin de que a Ponencia leve a cabo os traballos correspondentes para a elaboración do informe e o seu posterior envío á Comisión.

Cómpre lembrar que na última xuntanza, hai xa más de un mes, o 15 de marzo, os membros deste órgano de traballo, entre os que se atopan os dous parlamentarios galegos, acordaron volver reunirse unha vez pasada a Semana Santa.

A este feito sumouse un novo fito o pasado 11 de abril: a aprobación no Pleno do Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei na que as tres forzas políticas da Cámara acordaron por unanimidade instar aos grupos políticos con representación no Congreso a apoiar o texto que se está a debater na Ponencia, co obxecto de garantir a aprobación do traspaso no prazo máis rápido posible.

Deste acordo despréndese, tal e como inciden Delgado e De Olano no seu escrito á Mesa, a “vontade inequívoca” de activar inmediatamente os traballos da Ponencia, con participación de todos os grupos parlamentarios, ao fin de que esta iniciativa lexislativa “poida ser aprobada na presente lexislatura”.

“UNHA TRANSFERENCIA COS RECURSOS NECESARIOS”

“Como é coñecido, a posición do PPdeG é reclamar a transferencia á nosa Comunidade da titularidade e das competencias da autoestrada, e desde logo que veña acompañada dos recursos necesarios para a súa correcta explotación e para levar a cabo as obras comprometidas que seguen pendentes”, expón o deputado Celso Delgado.

Neste sentido, explica que os populares non están dispostos a aceptar as emendas do Grupo Socialista do Congreso, que “pretenden limitar a transferencia da AP-9 a simples competencias sobre a administración e a explotación da infraestrutura”, algo “claramente afastado” dun traspaso real da titularidade.

“O PSOE estivo boicoteando no Congreso que tivera lugar a activación desta Ponencia, mentres desde o PPdeG, tanto en Galicia como en Madrid, estamos comprometidos coa transferencia. Imos seguir insistindo para que non se adíe máis a tramitación deste importantísimo acordo”, conclúe Delgado."