Tal e como explicou Rueda, trátase dunha
medida recollida na Lei dos orzamentos xerais da Comunidade de 2023, que
autoriza o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para a concesión de avais
con destino á compra da primeira vivenda por parte de mozos e mozas, cun límite
máximo do 20% do prezo de compravenda.
Rueda explicou que o Consello tomou hoxe
razón da resolución pola que se aproban as bases reguladoras deste
programa que contará cun orzamento inicial de 5 millóns de euros e “que pode ser ampliable segundo a aceptación e
solicitudes” que se reciban. O presidente asegurou que a Xunta agarda “demanda”
deste tipo de avais ante o actual contexto económico que dificulta tanto o
alugueiro como a compravenda de vivendas.
Para poder obter un destes avais será
condición imprescindible que a hipoteca para a cal se solicita supoña entre o
80% e o 100% do importe de adquisición da vivenda, e as contías que aboe a
persoa beneficiaria deberán destinarse exclusivamente ao pagamento desta débeda
hipotecaria. Ademais, Rueda lembrou que cando o mozo “abone ao banco a mesma
contía de hipoteca que teña de aval, este quedará cancelado”.
Entre os requisitos para acceder a estes
avais, o presidente explicou que a vivenda avalada terá que estar
localizada en Galicia e “destinarse a residencia habitual do comprador”, polo
menos, “durante o período de duración do aval”.
Ademais, indicou que o importe de
adquisición do inmoble non poderá superar as seguintes contías: “240.000 euros
nos concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra e Ourense;
180.000 euros se se localiza nas cidades de Lugo e Ferrol” ou en concellos de
tamaño medio e carácter periurbano, “e 130.000 euros no resto dos municipios
galegos”. Deste xeito, e tendo en conta que o aval non pode superar o 20% do
prezo de compra da vivenda, a contía máxima da axuda que concederá a Xunta será
de 48.000 euros para o primeiro grupo de concellos, de 36.000 euros para o
segundo, e de 26.000 euros para o terceiro.
En canto aos requisitos dos
beneficiarios, Rueda resaltou que ademais de ter menos de 36 anos no momento da
solicitude, cómpre mencionar que, con carácter xeral, “non poderán ser
propietarios ou usufrutuarios doutra vivenda en España” e “deberán acreditar
uns ingresos de entre 2 veces o Iprem (16.800 euros anuais) e 5,5 veces o Iprem
(46.200 euros)”. En caso de que a compra a realice máis dunha persoa e cumpran
o resto de requisitos, os ingresos conxuntos poderán chegar ata 6,5 veces o
Iprem (54.600 euros).
Unha vez que o Consello da Xunta tomou
razón da resolución, a previsión é que a convocatoria do programa se publique no Diario
Oficial de Galicia antes de que remate este mes de abril e permanecerá
aberta ata o 30 de novembro.
Estes
avais públicos facilitarán o acceso á súa
primeira vivenda en propiedade aos menores de 36 anos, que moitas veces
dispoñen de recursos para asumir unha hipoteca pero carecen de aforros para o
pagamento da entrada. Ademais, serán
compatibles con todas as axudas que xestiona e convoca anualmente a Xunta co
mesmo fin en Galicia. Nesta liña, o presidente lembrou que estes avais poderán
complementarse coa bonificación xa existente no Imposto de Transmisión
Patrimoniais para os mozos que adquiran unha vivenda."
Sen dúbida unha boa medida para facilitar a compra de vivenda por parte da mocidade.