miércoles, 26 de abril de 2023

A Xunta lamenta que a falta de vontade política e sensibilidade do goberno de España lle impide atender as demandas de bonificacións da autoestrada AP-53, Santiago-Dozón

 

Hoxe a Xunta lamentou a falta de vontade política e sensibilidade do Goberno de España que lle impide rebaixar as peaxes da autoestrada estatal Santiago-Dozón (AP-53) e resolver os agravios comparativos en materia de mobilidade contra o interese dos galegos.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliñou no Parlamento de Galicia que a AP-53 é unha das autoestradas máis caras de España e unha das poucas nas que non se aplica ningún tipo de rebaixas, nin sequera aos usuarios recorrentes.

 

Lembrou que a Xunta leva insistido moito nesta petición, remitindo incluso ao Executivo central un estudo que amosa que aplicando as mesmas rebaixas que na AP-9, o custo anual dos descontos na AP-53 ascendería a 3,2 M€, un investimento perfectamente asumible.

 Puntualizou que o Goberno central consignou en 2021 case 55 M€ para rebaixar as peaxes da AP-9 pero só gastou 17 M€, polo que o excedente desta partida chegaría folgadamente para cubrir as bonificacións na AP-53 durante unha década.

 Criticou que o Executivo non escoite o clamor social, político e económico de aplicar bonificacións nesta autoestrada que contribúe a estruturar a mobilidade interior e a favorecer a interconexión do eixe Santiago-Ourense.

 

A este respecto, sinalou o descoñecemento da realidade de Galicia por parte do Goberno, ao non considerar a autoestrada que une Santiago e Ourense como un eixe vertebrador interior da comunidade.

 

Remarcou que a demanda de bonificacións é compartida polos concellos polos que descorre a vía e polos limítrofes, polos empresarios e polo Parlamento, que aprobou iniciativas neste sentido de xeito unánime e, por suposto, unha reivindicación do Goberno galego.

 

Fixo fincapé en que aplicar as mesmas compensacións que na AP-9 reportaría beneficios salientables no ámbito da seguridade viaria e da competitividade do territorio, e tamén proporcionaría un aforro importante ás familias e ás empresas.

 Salientou que este aforro ten maior relevancia en momentos de incertezas como o actual, coa inflación disparada e un incremento de prezos xeneralizado, incluídas as peaxes das autoestradas estatais que o Goberno se negou a conxelar e en xaneiro subiron máis do 4%.

Fronte a esta liña de acción estatal, nas autoestradas autonómicas, con bonificacións desde 2010 e das máis baratas de España, este ano non aplican o incremento do IPC, que superaría o 7%.

Detallou que a conxelación das peaxes autonómicas fai que, por exemplo, un usuario recorrente entre Vigo e Baiona aforre 200 euros ao ano; ou 300 euros os que fagan, por exemplo, o traxecto Carballo-A Coruña.

Reiterou que o Goberno galego seguirá insistindo e reivindicando para Galicia o trato, os investimentos e os servizos que a Comunidade merece.