sábado, 15 de abril de 2023

Adif-AV atende unha xusta demanda e pon en servizo a Senda Peonil de acceso á estación A Gudiña-Porta de Galicia

 

O 17 de maio de 2022 os deputados ourensáns do GPP, Celso Delgado e Ana Vázquez presentamos no Congreso esta pregunta ao Goberno, para obter resposta por escrito.

"Foi un 27 de setembro de 2018, cando ADIF-AV aprobou a licitación do contrato de construción da estación de alta velocidade da Gudiña, baixo o nome de “Porta de Galicia” e o 2 de abril de 2019 foi adxudicada á "UTE ESTACIÓN PORTA DE GALICIA” O importe contratado foi de 3.227.987,45 euros (IVE engadido). Con data 5 de abril de 2021 modificouse o citado contrato por importe de 642.334,59 € (IVE engadido) e ampliouse o prazo. 

O 20 de decembro de 2021 tivo lugar a viaxe de inauguración da liña Madrid-Ourense, que contou coa asistencia da súa Maxestade O Rey Felipe VI e outras relevantes autoridades do Estado. E ese mesmo día tivo lugar a inauguración da nova estación de alta velocidade “Porta de Galicia” no concello ourensán da Gudiña. 

A nova estación da Gudiña atópase a pouco máis de 75 quilómetros de Ourense e atende a demanda crecente de viaxeiros non só desta localidade e de toda a comarca. Tamén das veciñas comarcas de Monterrei, Valdeorras e a área do distrito de Tras-Os Montes próxima a Chaves e o de Vila Real, o que a converteu na parada dos destinos termais de Verín, Chaves, Vidago e Pedras Salgadas.

Nos seus poucos meses de vida, hai que constatar o notable número de viaxeiros que están a utilizar esta estación de alta velocidade, moitos deles cidadáns do norte de Portugal e tamén peregrinos que pasa por esta localidade galega o Camiño de Santiago.

A anterior estación da Gudiña, inaugurada en 1957 coa posta en marcha do tramo Ourense – Puebla de Sanabria da liña Zamora a Ourense e Vigo e A Coruña, está situada no núcleo urbano. A nova estación de alta velocidade con todo foi construída por ADIF-AV fora do centro urbano.

Para facilitar o acceso peonil dos veciños da Gudiña á nova estación, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia construíu unha senda peonil pola marxe esquerda da estrada OU-533, desde o punto quilométrico 0+070 ata asproximidades da estación Porta de Galicia.

Esta senda mellorou moito a accesibilidade pero resulta necesario que se acorde a súa continuidade por parte de ADIF xa dentro dos terreos internos da terminal. A Xunta e o Concello de Gudiña xa trasladaron esta cuestión a ADIF, sen obter ata o de agora unha resposta positiva.

O certo é que a día de hoxe, ao saír da estación, os viaxeiros que queren ir camiñando ao centro urbano deben facelo pola estrada e nalgúns puntos a beiravía é moi estreito, constituíndo un serio perigo para os que camiñan en horario nocturno.

Este problema solucionaríase se ADIF dese coninuidade por terreos da súa propiedade á senda peonil construída pola administración autonómica."

Por todo o anterior preguntamos,

¿Atendendo a demanda dos usuarios da Estación de Alta Velocidade "Porta de Galicia" na Gudiña, así como do Concello desa localidade e da Xunta de Galicia, e en aras a garantir unha mellor seguridade dos viaxeiros, está disposto ADIF-AV a dar continuidade en terreos da súa propiedade á senda peonil de acceso a esa terminal?

http://www.celsodelgado.gal/2022/05/esta-semana-osdeputados-ourensans-do_17.html

O  día 20 de xuño de 2022 o Goberno respondíanos: “A data de resposta Adif-AV solicitou ao Concello da Gudiña que lle remita un plano acoutado coa súa proposta de conexión da senda peonil coa estación da Gudiña-Porta de Galicia, co fin de poder estudar a viabilidade da proposta”

Cónstame que o alcalde da Gudiña, José Lago facilitou toda a documentación necesaria para que puidese darse continuidade á senda peonil iniciada pola Xunta.

E tras meses de espera, celebro moito que Adif AV anunciase esta semana que  puxo en servizo a Senda Peonil para acceso de pasaxeiros á nova estación da Gudiña-Porta de Galicia, en Ourense, da Liña de Alta Velocidade (LAV) Madrid-Galicia.

Din na súa nota que “a senda peonil responde á necesidade de dotar ao núcleo da Gudiña dun itinerario peonil que conectase coa nova estación da Gudiña-Porta de Galicia.

O trazado discorre desde a senda peonil da Xunta de Galicia situada na marxe esquerda da estrada OU-533 ata a porta de acceso da estación de alta velocidade.

O itinerario ten unha anchura libre de 2,5 m e unha lonxitude de algo máis de 100 m e, para facilitar o tránsito peonil ata a estación, o trazado adaptouse ao terreo conforme á normativa de accesibilidade e supresión de barreiras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para protexer aos peóns dos desniveis, dispúxose ademais unha malla metálica de peche en todo o perímetro do novo acceso peonil.

As actuacións complétanse coas obras de drenaxe para canalizar as augas circulantes na contorna.”

ASCENSOR

Espero que a sensibilidade demostrada por Adif-AV neste téma se replique agora na petición que fai máis dun ano fixemos para que se instalase un ascensor de acceso desde a estación ata as plataformas.

Lembro que o 17 de maio de 2022 os deputados ourensáns do PP preguntamos:

¿Atendendo á demanda dos usuarios e en aras a garantir unha mellor accesibilidade universal, está disposto ADIF-AV a instalar un ascensor na Estación de Alta Velocidade Porta de Galicia na Gudiña?

Con data 16 de xuño de 2022 recibimos esta resposta: “A estación da Gudiña-Porta de Galicia, a pesar de que carece de ascensores e escaleiras mecánicas, dispón dun itinerario accesible para persoas con mobilidade reducida xa que conta con ramplas que garanten a accesibilidade. Por este motivo, non está prevista a curto/medio prazo a instalación dun ascensor na devandita estación”

Unha  resposta gobernamental lamentable. Claro que xa hai unha rampla, pero é larguísima e resulta moi gravosa para as persoas con mobilidade reducida. Por iso pediamos un ascensor para o que xa se deixou o oco habilitado cando se construíu. Seguiremos insistindo.