miércoles, 24 de mayo de 2023

Eleccións 28M: Cabezas “A cidadanía de Ourense será este domingo un xurado popular que ditará unha sentencia electoral, apartando da política a quen a está usando no seu beneficio persoal"

 

Asisto despois de regresar de O Carballiño, ao mitin central do PP no pabellón dos Remedios, na cidade de Ourense.

O PP de G emitiu esta nota de prensa:

Alfonso Rueda aposta por Manuel Cabezas para “devolver o orgullo a Ourense e volver poñer a cidade á altura dos seus cidadáns”

Manuel Baltar: “Manuel Cabezas é un candidato que sabe gobernar, que é unha referencia incuestionable da xestión municipal e que ten ganas de dicir adeus á inoperancia e abrir unha nova etapa con cabeza”

Manuel Cabezas: “A cidadanía de Ourense será este domingo un xurado popular que ditará unha sentencia electoral, apartando da política a quen a está usando no seu beneficio persoal, saqueando o futuro de todos”

   Alfonso Rueda contrapuxo a campaña “centrada en propostas e proxectos” de Manuel Cabezas fronte ás provocacións, as descualificacións, os personalismos e as discusión estériles: “Apostar polo diálogo e o entendemento é sempre o camiño correcto”

   “Manuel está facendo unha campaña baseada na política da unión, da xestión, da normalidade e da educación”, engadiu ao tempo que agradecía ao candidato que decidise volver de despois de telo demostrado todo e poñía en valor que tanto el como a cidade de Ourense aínda teñen moito máis por dar de si.

  O líder dos populares asegurou que este 28 de maio os ourensáns só teñen dúas opcións: “Ou continuar como ata o de agora, sen xestión, sentíndose avergoñados e inmersos en ríos revoltos; ou empezar o cambio con xente capaz de lideralo desde o sentidiño e a unidade”

  “Ourense ten que deixar de ser un anecdotario que chama a atención por cousas que nunca son boas e dar paso a falar de cousas serias”, engadiu.

  Alfonso Rueda insistiu na necesidade de superar a división e elevar o nivel político de Ourense á altura dos seus cidadáns, asegurando que isto so é posible con Manuel Cabezas.

   Animou ao candidato a recuperar a estabilidade que, cando se perdeu, supuxo o comezo de moitas outras cousas que hai que deixar atrás, como a parálise, a desesperanza ou a perda de oportunidades.

   “Manuel Cabezas é a esperanza para todas as persoas que están cansas da crispación e do espectáculo. É a esperanza de recuperar en Ourense a política da xestión, da calma, da serenidade, da firmeza e da experiencia”, explicou

    O líder dos populares galegos fixo un chamamento á unión do voto en torno á candidatura de Cabezas porque “dividir os votos non vai servir para cambiar de alcalde” e sobre todo porque é o momento de corresponder a “unha persoa que merece ser alcalde de Ourense porque os ourensáns o necesitan”

MANUEL BALTAR: “HAI QUE POÑER REMEDIO A OURENSE CO MELLOR ALCALDE DA SÚA HISTORIA”

  O presidente provincial reivindicou que todos os presentes no pavillón dos Remedios déronse cita hoxe aquí “para poñer remedio a Ourense” con Manuel Cabezas como alcalde

 

   “O domingo, cando se abran as urnas, estarán cheas de votos para referendar a vitoria do que é o mellor alcalde da historia de Ourense, o único dos candidatos que se presentan que sabe o que é gañar as eleccións. Fíxoo tres veces con maioría absoluta e volverá facelo”, sinalou


    Baltar definiu como “formidable” ao equipo que acompaña a Manuel Cabezas, remarcando que todos eles están preparados para gobernar desde o minuto un: “A partir da constitución da nova Corporación, todos os integrantes desta candidatura saben das súas responsabilidades e están preparados para reactivar Ourense”


 “Este é un candidato gañador, unha candidatura gañadora e un proxecto gañador. Un partido gañador que obtén elección tras elección os mellores resultados de toda España e o volverá demostrar o 28 de maio”, afirmou


 O líder dos populares ourensáns pediu a confianza dos cidadáns para “devolverlla con traballo” e remarcou a aposta por “un candidato que sabe gobernar, que é unha referencia incuestionable da xestión municipal e que lidera unha candidatura formidable, con ganas de facer unha Ourense máis grande, con gañas de dicir adeus á inoperancia e con ganas de abrir unha nova etapa con cabeza”


  Baltar concluíu explicado que este domingo o voto vale dobre porque con el tamén se acadará a maioría absoluta na Deputación, poñendo en valor “un goberno provincial con débeda cero, líder en transparencia, que aproba os seus orzamentos antes que ninguén e que está preparado para seguir construíndo Ourense”

 

MANUEL CABEZAS: “TEMOS QUE DARLLE UN VOTO Á DECENCIA”

  O candidato popular sinalou que con Feijóo e Rueda á fronte do Goberno de España e da Xunta de Galicia, respectivamente, “acadaremos a segunda transformación que Ourense merece”

   Cabezas lembrou o traballo realizado na primeira transformación –entre 1995 e 2007– “cun equipo magnífico de persoas sen as que sería imposible acadar o que acadamos” e agradeceu ao Grupo Municipal que intentaran “poñer cordura no Concello” nos últimos catro anos.

  Agradeceu tamén a masiva asistencia ao mitin central dos populares nos Remedios e especialmente ás persoas con necesidades especiais e aos diferentes colectivos presentes no mesmo.

  Manuel Cabezas fixo un paralelismo entre o actual Goberno de España e o actual Goberno Municipal: “As marcas España e Ourense estanse a destruír co peor presidente da historia e o peor alcalde.

   Por iso sinalou que as eleccións municipais e as eleccións xerais son as máis importantes dos últimos tempos:

 “É básico reivindicar a xestión honesta, responsable, adulta, seria e con cordura. Iso é o que sabemos facer no PP e iso é o que lle imos devolver a España e a Ourense”

  “En Ourense sabíamos o que estaba a pasar. Pero é máis doado enganar á xente que facerlle ver que foron enganados. A baixeza, a inmoral, o saqueo… Iso non é a política. Iso é miserable. Nunca insultarei a ninguén, pero pedín a dimisión de alguén e a inmediata paralización dos expedientes de contratación no Concello, ampliando a nosa denuncia e pedíndolle ao Consello de Contas que interveña. En Ourense non podemos continuar estando en boca de todos”, explicou.

   Quixo facer referencia tamén ás continuas críticas do PSOE por pasados pactos na cidade: “O PSOE critica ao PP dicindo que foi o PP o que puxo a este alcalde. É certo, pero si non fora o PP, teríao posto o PSOE”

    “Os meus compañeiros daquel Grupo Municipal fixeron un grande esforzo por darlle cordura ao Concello e é algo que hai que agradecerlles. Mais se hoxe temos o alcalde que temos, foi porque o PSOE non quixo aceptar o noso ofrecemento de apoiarlles a súa moción de censura.Se temos o que temos, é porque o PSOE non se quixo poñer de acordo para liderar esa moción de censura”, engadiu.

   Manuel Cabezas finalizou proclamando que “o PP ten o respecto e velar polos intereses dos cidadáns como bandeira” e que por iso vai en contra da indecencia: “Temos que darlle un voto á decencia e só o voto á candidatura do PP garante maiorías absolutas como as que obtivemos entre 1995 e 2007”

  “A cidadanía de Ourense será este domingo un xurado popular que ditará unha sentencia electoral, apartando da política a quen a está usando no seu beneficio persoal, saqueando o futuro de todos”, concluíu.