Lamentou que tampouco se saiba a data na que eses trens Avril van poder estar operando comercialmente nas cidades da Coruña, de Santiago, de Pontevedra e de Vigo, xa que ata o momento o Goberno de España non deu ningunha explicación nin comunicación oficial, limitándose a dicir que “hai que esperar”. Pero os galegos, incidiu Ethel Vázquez, “estamos cansos e fartos de tanta espera e de tantos incumprimentos do Goberno central”.
Censurou que, un verán máis, as cidades que contan coas infraestruturas que lles permitirían estar xa beneficiándose das vantaxes da alta velocidade, como A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo, se verán privadas do AVE por un novo incumprimento do Goberno central cos galegos.
Detallou que os trens Avril teñen o dobre de prazas que os Alvia ou os AVE que hoxe conectan Galicia con Madrid polo que se eses convois estiveran operativos, aínda mantendo a oferta actual, permitirían incrementar nun 65% o número de prazas dispoñibles.
A Xunta, dixo, seguirá reivindicando a importancia estratéxica destes trens, xa que supoñen a única maneira de asegurar que a alta velocidade se adentre en Galicia máis alá de Ourense.
Ademais da entrega das 7 unidades de trens Avril que pide Galicia, a Xunta tamén demandará do Goberno central que incremente as frecuencias, poñendo á disposición dos usuarios servizos de ida e volta entre Madrid e A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo a primeira hora da mañá, ao mediodía e á tarde-noite para garantir unha oferta axeitada e eficiente de alta velocidade entre as cidades galegas e Madrid.
Por último, Ethel Vázquez referiuse á necesidade e urxencia de que o Goberno de España modernice as infraestruturas da liña ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo e de que habilite os investimentos necesarios para electrificar a liña de tren de Ferrol, co obxectivo de garantir que tamén a alta velocidade chegue ás cidades de Lugo e de Ferrol.