Ao remate difundimos esta nota de prensa:
"O PP lamenta que o PSOE bloqueara esta tarde no Congreso a proposición de lei para a transferencia da AP-9 aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia
● “Seguiremos traballando para que as competencias sobre a Autoestrada do Atlántico sexan transferidas á nosa Comunidade, xunto aos medios necesarios para a súa xestión”, afirma o deputado popular Celso Delgado, membro do órgano de traballo xunto a Jaime de Olano.
10 de maio de 2023. O Partido Popular lamenta que o PSOE bloqueara esta tarde que se aprobase o informe da ponencia encargada de debater a Proposición de Lei Orgánica (PLO) de transferencia da titularidade e competencias da autopista AP-9 a Galicia. O texto era, segundo lembran os populares, “literalmente idéntico” ao que se aprobou por unanimidade no Parlamento de Galicia, onde si contou co voto dos socialistas.
“Sorprende que o PSOE boicotee en Madrid o que en Galicia afirma que apoiará”, denunciou o deputado Celso Delgado, membro desta ponencia xunto a Jaime de Olano. “No PP seguiremos traballando para que as competencias sobre a Autoestrada do Atlántico sexan transferidas á nosa Comunidade, xunto aos medios necesarios para a súa xestión”, remachou.
De feito, os populares avogaron por retirar as emendas presentadas e cinguirse ao texto do Parlamento para chegar a un acordo, pero o PSOE se negou a retirar as súas, o que evitou que se lle dera luz verde ao informe.
Os socialistas manteñen a súa postura de desactivar a transferencia da titularidade e das competencias e limitala a unha “transferencia de competencias sobre a administración e a explotación”. É dicir, que a titularidade da AP-9 quede en mans da Administración Xeral do Estado, como ata agora.
“O que non entendemos é o pouco peso do socialismo galego e de Podemos no Congreso, que nin con dúas vicepresidentas e un ministro son quen de defender un tema transcendental para a súa terra, para Galicia. Onde están? O desinterese é máximo”, critica Celso Delgado.
O compromiso de respectar a literalidade da PLO do Parlamento de Galicia —e de abordar en fases posteriores da tramitación os imprescindibles aspectos materiais e orzamentarios— ten o obxectivo de axilizar a aprobación da transferencia. Susténtase nunha proposición non de lei aprobada o pasado 11 de abril polas tres forzas políticas con representación na Cámara Autonómica."
Este é o enlace a TVG:
“A transferencia da AP-9 a Galicia segue bloqueada”
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/telexornal-seran-6120500?t=1582