viernes, 19 de mayo de 2023

A Xunta convén co Clúster da función loxística a promoción do transporte intermodal de mercadorías e das súas plataformas en Galicia

 

O Goberno galego deulle hoxe o seu visto e prace á sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Asociación Clúster da Función Loxística de Galicia para a realización de actividades dirixidas ao impulso do Corredor Atlántico Noroeste.

O acordo autorizado hoxe establece o marco de cooperación na promoción do transporte de mercadorías, intermodal, sostible e eficiente, na que se une a experiencia da Xunta coa da asociación que agrupa e representa á cadea de valor do sector loxístico de Galicia.

O Goberno galego está a apostar pola potenciación das infraestruturas e o transporte como factores de crecemento e competitividade para acadar o desenvolvemento dun sistema loxístico galego competitivo.

Mediante este acordo, o Clúster asume o compromiso de desenvolver as actividades dirixidas a promocionar o Corredor Atlántico Noroeste, unha infraestrutura estratéxica para Galicia e para as comunidades do noroeste peninsular.

A Xunta vén de elaborar a Estratexia Loxística de Galicia para impulsar o transporte ferroviario de mercadorías entre Galicia, o resto de España, Portugal e o conxunto da Unión Europea, a través do Corredor Atlántico, sobre a base do desenvolvemento dunha rede de infraestrutura ferroviaria eficiente para o transporte de mercadorías, que conecte os nodos loxísticos intermodais e dea soporte ás necesidades loxísticas da economía de Galicia. Así, no marco deste acordo, o Clúster tamén prestar apoio na posta en marcha e divulgación da Estratexia Loxística da Xunta.

Neste caso, o obxectivo da colaboración autorizada hoxe polo Goberno galego é buscar as sinerxías a través da colaboración co sector privado para traballar no desenvolvemento do transporte ferroviario en Galicia como compoñente fundamental da intermodalidade do futuro.

Entre os obxectivos desta Estratexia Loxística da Xunta están impulsar a implantación dos estándares ferroviarios da Rede TENT-T da ampliación do corredor Atlántico a Galicia; potenciar o completo desenvolvemento das restantes infraestruturas ferroviarias galegas para o transporte de mercadorías; e desenvolver unha rede optimizada e eficiente de terminais intermodais  ferroviarias para mercadorías.

A Estratexia Loxística de Galicia tamén persegue incrementar a colaboración entre operadores de diferentes modos de transporte; brindar atención específica a grandes infraestruturas lineais e nodais de transporte ferroviario a través da planificación existente; potenciar a colaboración interrexional a través da Macrorexión RESOE (España e Portugal), e promover incentivos que impulsen o transporte intermodal.

Ademais, segundo figura na Estratexia, entre os puntos fortes que posúe a comunidade galega para o seu desenvolvemento loxístico, salienta a existencia de cooperación e clusterización entre empresas de transporte e loxística con agrupacións industriais, con vocación de uso ferroviario para o impulso da intermodalidade

Marco do acordo

Mediante o convenio autorizado hoxe polo Goberno galego establécese un marco de cooperación que une as experiencias e eidos de competencias do departamento da Infraestruturas da Xunta e a única asociación que agrupa a e representa a toda a cadea de valor do sector loxístico de Galicia, no obxectivo de potenciar as infraestruturas e o transporte como factores de crecemento e competitividade para acadar o desenvolvemento dun sistema loxístico galego competitivo.

O Goberno galego sufragará o desenvolvemento das actividades e actuacións a levar a cabo polo Clúster, que achega o coñecemento das necesidades e a experiencia das preto de 50 entidades que o conforman, e que aglutinan os principais actores do almacenamento e o transporte na comunidade, acadando unha facturación anual global superior aos 11.000 M€.

En concreto, baixo este acordo acometeranse as actuacións destinadas a promocionar o Corredor Atlántico Noroeste a través da colaboración entre a Xunta, empresas privadas e resto de actores involucrados na función loxística; así como as actividades dirixidas á divulgación da Estratexia Loxística de Galicia.

Nesta colaboración, inclúense as actividades e actuacións realizadas polo Clúster destinadas á promoción do transporte intermodal de mercadorías en Galicia e das súas plataformas loxísticas.

Tamén se sufragarán as actuacións do Clúster destinadas á promoción, en foros nacionais e internacionais, das capacidades e potencial loxístico de Galicia.

A colaboración tamén posibilita achegar aos documentos elaborados pola Administración autonómica a perspectiva e experiencia das empresas privadas especialistas na materia.

O convenio autorizado polo Executivo autonómico suporá un investimento da Xunta de 140.000 euros e terá vixencia desde o día seguinte da súa sinatura e ata finais do 2025.