jueves, 4 de mayo de 2023

O paro rexistrado baixa en Galicia e Ourense no mes de abril

 


O Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) difunde hoxe os datos oficiais de paro rexistrado correspondentes ao mes de abril de 2023.

Galicia:

Baixa o paro rexistrado en Galicia no mes de abril en relación co mes anterior en -2.504 persoas, un  -1,77 %. Por sectores económicos, liderou a caída o primario (-1,96 %), seguido dos servizos (-1,82 %), da industria (-1,59 %) e da construción (-1,24 %).  

O número de parados queda en 139.343, é a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica, desde o ano 1996.

Deles  57.724 son homes e 81.619 mulleres, 133.873 son maiores de 25 anos e 5.470 menores.

Por sectores, 4.557 son da agricultura, 14.233 da industria, 9.691 da construción, 98.798 dos servizos e 12.064 do colectivo sen emprego anterior. 

A nivel interanual, isto é, con respecto a abril do ano pasado, 11.259 persoas sairon en Galicia das listas do paro, o que supón un descenso do desemprego do – 7,48 %.  As cifras do desemprego, descenderon con respecto a hai un ano e na comparativa con marzo nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos, así como nos colectivos prioritarios para a Xunta como son, entre outros, os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración. Na comparativa con abril de 2022, o paro diminuíu nun -7,48 % (-11.259 persoas). Por sectores, liderou o descenso o primario (-16,86%), seguido da industria (-13,74 %), da construción (-9,88 %) e dos servizos (-6,58 %).  

Por colectivos prioritarios, decreceu, especialmente entre os menores de 30 anos (-13,52 %) seguido das mulleres (-6,56 %) e dos parados de longa duración (-4,19 %). As cifras de parados de menos de 30 anos e de mulleres sen emprego son as menores da serie histórica (2006) para este mes. Ademais, o número de persoas paradas de longa duración é o máis baixo nun abril desde 2009.


Ourense

Baixa o paro rexistrado en abril na provincia de Ourense en relación co mes anterior en 434 persoas, un -2,62 %,

O número de parados queda en 16.119 deles 6.804 son homes e 9.315 mulleres, 15.452 son maiores de 25 anos e 667 menores.

Por sectores, 809 son da agricultura, 1.689 da industria, 1.106 da construción, 10.957  dos servizos e 1.558 do colectivo sen emprego anterior.

A nivel interanual, isto é, con respecto a abril do ano pasado, 1.239 persoas sairon en Ourense das listas do paro, o que supón un descenso do desemprego do – 7,14 %.