Onte o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a creación dun programa “pioneiro” de seguimento e apoio personalizado a aquelas persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia que presentan dificultades para atopar un traballo coa finalidade de axudalas a reintegrarse no mercado laboral.
A web da xunta informa que “O obxectivo é axustar a demanda do mercado laboral, os postos de traballo nos que hai vacantes coa dispoñibilidade de persoas desempregadas”, indicou Rueda, quen explicou que na actualidade hai uns 15.000 postos de traballo sen cubrir mentres o Servizo Galego de Emprego conta con máis de 139.000 inscritos.
Para iso, o Consello deu hoxe o visto e prace ao Programa de seguimento intensivo da demanda de emprego que permitirá ter datos actualizados e reais das circunstancias das persoas na busca dun posto de traballo. O obxectivo é acadar que as circunstancias actuais das persoas demandantes de emprego encaixen coas súas demandas rexistradas no Servizo Público de Emprego, podendo, deste xeito, adaptalas ás súas necesidades reais, así como informarlas, explicarlles e ofrecerlles de xeito individual e personalizado os múltiples servizos que presta Emprego Galicia, coa finalidade última da mellora da empregabilidade das persoas usuarias. Así tamén o Goberno galego busca facer máis efectivo, eficaz e xusto un sistema público de emprego adaptado ás novas necesidades do mercado laboral e dar saída ás vacantes de traballo que existen na actualidade en diversos sectores económicos.
O programa busca analizar a situación de certos demandantes de emprego para ver cales son os problemas que dificultan que non atopen un posto de traballo. En concreto, tal e como explicou a Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, este programa personalizado está dirixido ás persoas que se atopen nalgunha destas casuísticas: “que teñan rexeitado unha oferta de emprego ou abandonen sen xustificación un servizo de orientación ou/e de formación”; “que leven máis de 5 anos inscritas de xeito ininterrompido no Servizo Público de Emprego de Galicia sen acceder a un emprego” e non teñan un itinerario ou plan personalizado de emprego (IPE) activo nos últimos 12 meses; “que non teñan confirmado a súa dispoñibilidade para tres ofertas nun período de 12 meses”, e “non se presenten a citas de orientación laboral” nos centros colaboradores do Servizo Público de Emprego de Galicia e non sexa posible o seu contacto telefónico e, ademais, non teñan un itinerario ou plan personalizado de emprego (IPE) activo.
O novo programa activarase, así, cando nunha oficina de emprego se rexistre algún destes casos. Durante o desenvolvemento desta actuación, poderase incluír xustificadamente a novos colectivos prioritarios ou modificar os existentes.
136 orientadores laborais
Lorenzana informou de que as persoas que estean nesas situacións recibirán unha cita de orientación na súa oficina de referencia para iniciar esa revisión personalizada e a busca de solucións específicas. “A idea é levar a cabo un seguimento de durante un mínimo de 6 meses para intentar que logre integrarse no mercado laboral”, indicou.
Pero ademais, tal e como resaltou o presidente da Xunta, grazas a este programa poderán previrse “disfuncións ou intentos de fraude” no caso de detectar a persoas inscritas como demandantes de emprego, pero que non cubren ofertas de traballo de forma voluntaria. Nesta liña, Lorenzana indicou que tras a realización do seguimiento personalizado será posible “iniciar expedientes” que poderían poñer en risco as prestacións vencelladas ao emprego que reciba esa persoa.
Os encargados de desenvolver este novo programa serán as e os 136 novas orientadoras e orientadores laborais con que a Xunta reforzou o ano pasado o Servizo Público de Emprego de Galicia. Este reforzo de persoal en toda Galicia, xunto coas ferramentas que proporcionan as novas tecnoloxías, permitirán identificar estas persoas e facer un seguimento máis polo miúdo das súas circunstancias persoais e laborais.
A Xunta vai achegarse a estes perfís co espírito de facer, polo tanto, un seguimento máis intensivo e personalizado para integralas no mercado de traballo, tratando de detectar carencias do sistema ou do demandante, redefinindo o seu perfil e itinerario de inserción laboral, e intensificando a relación e o intercambio de información.
A iniciativa, ademais, mellorará o fluxo de información das oficinas de emprego de Galicia e incrementará a eficiencia do novo sistema do distrito único autonómico implantado no ano 2022 que permite a atención de todos os galegos e galegas en calquera oficina de Galicia, con independencia do seu lugar de residencia.
O novo programa forma parte do proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia que está a acometer a Xunta cun investimento de máis de 9 millóns de euros para facer máis accesibles, máis próximos e máis dinámicos os servizos de emprego -liderados pola Administración autonómica- aos traballadores e ao tecido empresarial galego, conseguindo atender axilmente as súas necesidades.
Tamén está a seguir como obxectivo, mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade nun emprego mediante a mellora da cualificación profesional das persoas traballadoras galegas ao longo da vida, a través dunha formación flexible e adaptada aos cambios do mercado laboral e dunha orientación e asesoramento personalizado."