Onte tivo lugar o primeiro encontro institucional que mantivo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda con José Ramón Gómez Besteiro tralo seu nomeamento como delegado do Goberno
O mandatario autonómico entregoulle un
caderno coas principais reivindicacións que Galicia agarda que sexan
satisfeitas polo Executivo central.
O titular do Goberno galego valorou de
forma positiva o encontro e dixo agardar que a normalidade institucional sexa
unha práctica baseada en que tanto o Goberno galego como o central serven aos
mesmos intereses, os de 2.700.000 galegos, de aí a necesidade de acadar “máis
consensos que desencontros” e de que se traduzan en solucións aos retos de Galicia.
En materia de infraestruturas, Alfonso
Rueda subliñou que a piques de cumprirse un ano do derrubamento do viaduto da
A-6, non se entende que o Executivo non dera respostas ás demandas de Galicia,
que pasan por esixir a reconstrución en paralelo das dúas pontes afectadas. O
presidente do Goberno galego non esqueceu outras débedas pendentes coas
infraestruturas galegas, fundamentalmente na provincia de Lugo, como o remate
da autovía a Santiago ou os investimentos necesarios para a que vai da capital
da provincia lucense a Ourense.
No que respecta ás infraestruturas
ferroviarias, reclamou ao delegado do Goberno un calendario fiable e definitivo
para a posta en marcha dos trens Avril e manifestou o seu malestar polo feito
de que nin o presidente do Goberno nin a ministra de Transportes concretasen a
súa chegada malia o reiterado interese da Xunta por esa cuestión. Engadiu,
ademais, a necesidade de axilizar os investimentos no Corredor Atlántico
Noroeste xa que o Goberno galego considera insuficientes os anunciados no seu
día, ademais de cualificar de “golpe de efecto” o nomeamento do Comisionado,
tendo en conta que ata o de agora non se traduciu en avances para esa necesaria
conexión ferroviaria. Aínda no eixo das infraestruturas, instou ao Goberno
central a axilizar a tramitación da transferencia da AP-9 aproveitando que a
vindeira semana o Congreso celebrará un novo relatorio sobre a
cuestión.
Fondos europeos e Lei do litoral
No encontro, Alfonso Rueda tamén sacou a
colación a preocupación da Xunta respecto do retraso da chegada dos fondos
europeos que precisan proxectos fundamentais para o futuro de Galicia como os
que teñen que ver coa automoción ou as enerxías alternativas e que, pola
contra, “teñen garantido o apoio do Goberno galego”, asegurou.
O presidente autonómico reiterou que os
inversores que queren poñer en marcha esas iniciativas que van transformar a
economía de Galicia están pendentes de Pertes “que nunca chegan ou que non se
concretan”, polo que agardou “axilidade” e “xustiza” no reparto desas axudas xa
que, advertiu, a viabilidade deses proxectos depende dos fondos
europeos.
O mandatario galego fixo entrega ao
delegado do Goberno dunha copia do proxecto de Lei de ordenación e xestión
integral do litoral ao que a semana pasada deu luz verde o Consello da Xunta e
que o Goberno galego entende como un primeiro paso para desenvolver as
competencias da xestión do litoral que Galicia reclama e que outras comunidades
autónomas xa desfrutan. Malia que o proxecto da Xunta conta co aval do Consello
Consultivo de Galicia, o Ministerio de Política Territorial aínda non respondeu
á petición feita no verán do ano pasado sobre a transferencia dos medios para a
xestión do Dominio Público Marítimo-Terrestre. “Case un ano despois, seguimos
sen resposta”, lamentou.
Sanidade, Educación e política de
vivenda
Xa en materia sanitaria, o presidente da
Xunta pediu ao Goberno central que dea pasos que alivien a situación actual da
Atención Primaria, coa posta en marcha da especialidade de Urxencias e
Emerxencias, coa flexibilidade dos requisitos para a formación de médicos
residentes e cunha nova convocatoria extraordinaria de prazas MIR en Medicina
Familiar e Comunitaria. Ao seu entender, estas medidas permitirían garantir
unha Atención Primaria extensa no territorio, áxil e de máxima calidade.
No encontro tamén se abordaron as
políticas de vivenda. O presidente da Xunta reclamou información “detallada e
fiable” sobre a situación urbanística dos terreos que o Ministerio de Defensa
posúe en Galicia e que foron ofrecidos polo Goberno central para ampliar o
parque habitacional, e tamén sobre a localización e estado de habitabilidade
das vivendas da Sareb na Comunidade autónoma. “Queremos saber onde están”,
indicou.
Polo que respecta ao anuncio por parte
do presidente do Goberno dunha ampliación da oferta de Formación Profesional,
Rueda recordou que Galicia leva tempo apostando claramente pola súa excelencia
e agardou que se concreten as especialidades das que se poderá beneficiar a
Comunidade.
O presidente da Xunta dixo agardar que o
delegado do Goberno en Galicia sexa “un valedor” dos intereses da Comunidade
perante o Executivo central e amosouse disposto a manter de forma periódica
encontros que se traduzan en avances concretos para Galicia.