martes, 9 de mayo de 2023

O PPdeG pide aos grupos políticos que apoien a transferencia da AP-9 tal e como aprobou o Parlamento de Galicia

 

Os deputados galegos do PP Celso Delgado e Jaime de Olano defenderán no Congreso dos Deputados que os grupos políticos apoien a transferencia da AP-9 tal e como aprobou o Parlamento de Galicia. 

Farano durante a reunión da ponencia encargada de debater a Proposición de Lei Orgánica (PLO) de transferencia da titularidade e competencias da autopista AP-9 a Galicia, que terá lugar este mércores, 10 de maio, ás 18.00.

Os populares, na procura dun amplo consenso, defenderán que o informe que a ponencia  aprobe sexa o que votou por unanimidade a Cámara galega, e que expresa, no seu artigo 2º, que o exercicio da competencia transferida debe ser asumido pola Comunidade Autónoma de Galicia no momento en que teña efectividade a transferencia dos medios materiais e orzamentarios necesarios, que se instrumentará mediante un acordo da Comisión Mixta de Transferencia Estado – Xunta de Galicia e o correspondente real decreto de traspaso de servicios”.

O compromiso de respectar a literalidade da PLO do Parlamento de Galicia —e de abordar en fases posteriores da tramitación os imprescindibles aspectos materiais e orzamentarios— ten o obxectivo de axilizar a aprobación da transferencia. Susténtase nunha proposición non de lei aprobada o pasado 11 de abril polas tres forzas políticas con representación na Cámara Autonómica.

Deste acordo despréndese a “vontade inequívoca” de activar inmediatamente os traballos da ponencia, con participación de todos os grupos parlamentarios, ao fin de que esta iniciativa lexislativa “poida ser aprobada na presente lexislatura” dí Delgado.

Delgado alertou de que as emendas presentadas no Congreso polo PSOE apostan por desactivar a transferencia da titularidade e das competencias e limitala a unha “transferencia de competencias sobre a administración e a explotación”. É dicir, que a titularidade da AP-9 quede en mans da Administración Xeral do Estado, como ata agora.

Para os populares estas emendas deben ser retiradas xa que “supoñen unha rebaixa substancial das pretensións da proposición aprobada no Parlamento de Galicia por unanimidade”. Neste sentido, remarcan: “Isto non é o que queremos os galegos. O que queremos os galegos é unha AP-9 plenamente galega, sobre a que decidamos desde o territorio”.

Antecedentes:

O inicio da tramitación desta proposición na Cámara Baixa data de decembro de 2019, aínda que non foi ata febreiro de 2021 cando se aprobou –cunha ampla maioría de 287 deputados– a súa toma en consideración e se encomendou o Ditame sobre a mesma á Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

A partir deste momento, tal e como temos denunciado os populares, a iniciativa lexislativa chegou a acumular ata 15 prórrogas “acordadas sistematicamente polos representantes de PSOE e Podemos-Galicia en Común”. Finalmente, o 21 de setembro de 2021 constituíuse a Ponencia, pero non volveu a convocarse unha reunión da mesma ata o 15 de marzo de 2023; nesa reunión da Ponencia acordaron volver reunirse unha vez pasada a Semana Santa

Os deputados galegos Jaime de Olano e Celso Delgado no mes de abril solicitaron a Mesa da Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana  que convocara unha nova reunión da Ponencia no mes de maio para que  leve a cabo os traballos correspondentes para a elaboración do informe e o seu posterior envío á Comisión.