domingo, 7 de mayo de 2023

Vendo o estado das obras do tramo Túnel de Rante-Conexión Seixalbo da variante ferroviaria exterior de Ourense

Visito está mañá dominical as obras do tramo Túnel de  Rante-Conexión Seixalbo, da variante ferroviaria exterior de Ourense que foi adxudicado en decembro de 2021 a Rover Infraestruturas por 27.448.623,45 euros (IVE incluído) e un prazo de 26 meses.

O contrato comprenden a execución das obras de plataforma (infraestrutura) do tramo, incluída a capa inferior de  balasto, sendo obxecto doutros contratos posteriores a superestrutura (vía) e o resto das instalacións ferroviarias (electrificación, sinalización, comunicacións, etcétera).


Vin cómo avanzan os piares do gran viaduto que parte da saída do túnel de Rante e que salvan a estrada N-525, os viais de acceso ao polígono Barreiros e o rio Barbaña. E tamén as estruturas singulares doutros viadutos de moita menor entidade.


TRAMO TÚNEL DE  RANTE-CONEXIÓN  SEIXALBO (2,26 km)


Este tramo discorre polos termos municipais de San Cibrao das Viñas e Ourense e soluciona o paso da Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia pola zona  periurbana da poboación de  Seixalbo, aproveitando para iso o actual corredor ferroviario da liña Zamora-Ourense, dispoñendo a nova plataforma en paralelo á existente, na medida do posible, co fin de minimizar as necesidades de ocupación e a afección á contorna.


Xusto ao comezo do tramo executarase un viaduto de 356  m de lonxitude para salvar o cruzamento coa estrada  N-525 e o río Barbaña.


A nova plataforma discorre por encima do túnel de  Aspera (153,9 m de lonxitude), da liña convencional Zamora-Ourense.


Para evitar afeccións efectuarase unha solución de reforzo por encima do devandito túnel sen afectar á súa sección.


Un viaduto de tres vans, cunha lonxitude total de 54 m, servirá para salvar a estrada Ou-105 e a reposición do Camiño de Santiago/Vía da Prata. Outro viaduto, neste caso dun só van de 30  m, solucionará o cruzamento a distinto nivel coa futura estrada  Bemposta–  N525, actualmente en fase de proxecto.


O tramo conclúe uns 100  m antes do túnel de  Curruxeiras existente na vía Zamora-Ourense. Os traballos incluirán ademais a construción dun paso inferior de camiño e outras obras menores, así como as reposicións de servidume e servizos afectados.