Hoxe tivo lugar o acto de toma de posesión no Pazo de Raxoi dos novos conselleiros do Executivo autonómico. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda puxo en valor o “excelente equipo” do actual Goberno galego para seguir estando “á altura dos intereses, anhelos e obxectivos” de Galicia.
“Galicia espera moito de nós”, advertiu o mandatario galego, tras a toma de posesión de Diego Calvo como vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes: de Ángeles Vázquez, como vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; de María Jesús Lorenzana, como responsable de Economía, Industria e Innovación; de Elena Rivo, quen a releva ao fronte da consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; e de Alfonso Villares, novo responsable do departamento de Mar do Executivo autonómico.
“Hoxe toma posesión unha Xunta que combina a traxectoria e experiencia destes 14 anos cun novo impulso necesario para afrontar os retos presentes e futuros”, aseverou Rueda, quen aproveitou este acto para demandarlle a todo o equipo “compromiso, lealdade e traballo”, á vez que se amosou convencido das melloras que suporá a incorporación de dous novos membros ao actual Goberno autonómico.
Cambios no Goberno galego
Neste senso, valorou o “gran talento” de Elena Rivo,
sobre a que considerou que aportará á Consellería de Promoción do Emprego e
Igualdade unha “visión complementaria” proveniente da súa longa traxectoria
académica e considerou, deste xeito, garantida a conexión entre Administración
e o eido do emprego.
Da mesma forma, salientou a “experiencia e tamén coñecemento do sector” de Alfonso Villares, do que se amosou convencido de que, baixo a súa nova responsabilidade fronte á Consellería do Mar, “obterá a complicidade dun sector, sen que o Galicia non se entendería”.
O presidente da Xunta tamén se referiu á valía ante as novas responsabilidades de Diego Calvo e Ángeles Vázquez na Vicepresidencia Primeira e Segunda da Xunta, respectivamente. Do primeiro, destacou o traballo “ben feito” e a “lealdade probada” durante este ano no Goberno galego e da segunda, o feito de que se converta na primeira muller na historia de Galicia en asumir unha vicepresidencia. “Xa era hora e tiña que ter sido moito antes”, admitiu Rueda, quen remarcou a “idoneidade” de que a área de medio ambiente ocupe unha posición destacada no organigrama do Goberno galego no momento actual.
Nesta mesma
liña, o titular do Goberno galego tamén asegurou que María Jesús Lorenzana
“estará á altura” das súas novas competencias na Consellería de Economía,
Industria e Innovación. Dela, enxalzou que coñece o mecanismo da
Administración como “unha experta reloxeira”.
Na súa
intervención, Rueda tivo un especial recoñecemento ao traballo realizado durante
14 anos no Goberno da Xunta aos dous conselleiros saíntes, Francisco Conde e
Rosa Quintana, responsables dos departamentos de Economía, Innovación e
Industria e Mar, respectivamente. “Galicia non perde dous conselleiros; gaña
dous defensores en Madrid”, valorou, á vez que defendeu que as institucións de
España serían mellores se “imitasen” ás institucións de Galicia.
Para acabar, o
mandatario galego garantiu que tanto os once conselleiros como el, ao fronte da
Presidencia da Xunta, teñen como única vocación “servir a Galicia” e traballar
“para acertar” no intereses dos galegos e galegas. “Por iso, non imos perder un
minuto e seguiremos traballando como ata agora”, concluíu.