jueves, 1 de junio de 2023

In memoriam de Daniel Barata, un dos " Bos e xenerosos"

 

Recibo onte con tristeza a noticia do pasamento  de Daniel Barata Quintas  aos 79 anos de idade.

Nacido en Rairiz de Veiga, estudou Maxisterio, e exerceu como inspector de Educación. Foi membro destacado de Coalición Galega, de Centristas de Galicia e do Partido Popular.

O ourensán Daniel Barata, foi deputado do Parlamento de Galicia durante as Lexislaturas III, IV e V, tamén conselleiro de Cultura e Xuventude na Xunta de Galicia presidida por Manuel Fraga (1990-1993) 

Posteriormente, converteuse en conselleiro no Consello de Contas e no 2009 foi nomeado polo Consello de la Xunta como membro do Consello Escolar de Galicia. Daniel Barata, ademais, recibiu en 1994 a medalla de Prata de Galicia en atención aos seus méritos na conservación do noso patrimonio histórico cultural.

A miña relación con Daniel comezou no ano 1997 cando entrei en política para encabezar a candidatura do Partido Popular pola provincia de Ourense, ao Parlamento de Galicia. 

E como número tres desa lista figuraba Daniel Barata, que era un político con enorme experiencia que me axudou moito cos seus consellos sabios para penetrarme nun mundo para min descoñecido. Falar con el sempre era aprender. 



Un home sumamente intelixente, cunha enorme sabedoría popular, e exquisito nas súas formas e cunha oratoria brillante. Dos "Bos e Xenerosos"

Deixa en min un inesquecible recordo. Descanse en paz e o meu sentido pésame á súa viúva Maria Esther e a toda a súa familia