Os candidatos ourensáns do Partido Popular ao Congreso e ao Senado nas vindeiras eleccións xerais do 23 de xullo visitamos hoxe Valdeorras, interesándonos especialmente por cuestións vencelladas ás infraestruturas terrestres e ferroviarias dependentes do Goberno central, ademais do estado e o potencial dos recursos hídricos desta comarca. Difundimos esta nota de prensa:
"Os candidatos do Partido Popular ao Congreso -Celso Delgado- e ao Senado -Carmen Leyte e Joana Gómez-, acompañados ao longo da xornada por alcaldes e representantes municipais de Carballeda de Valdeorras, Rubiá, A Rúa, Larouco, O Barco de Valdeorras e Vilamartín de Valdeorras, avanzaron o seu “máximo compromiso” con seguir loitando por proxectos estratéxicos para a comarca: “Despois do desleixo do Goberno de Pedro Sánchez, un período completamente negativo para Valdeorras e para toda a provincia, a partir do 23 de xullo ábrese un novo ciclo da man dun ourensán como Alberto Núñez Feijóo, que coñece perfectamente as necesidades e as potencialidades deste territorio”.
Os populares lembran como “nestes últimos catro anos, o Goberno de Sánchez mirou cara outro lado, facendo oídos xordos ás reivindicacións e desatendendo proxectos fundamentais como a A-76, a mellora da N-120 ou os servizos ferroviarios”. O PP, sinalan, “estivo na oposición loitando por estes proxectos e, agora, remarcamos o noso compromiso para poder desenvolvelos a través do próximo goberno popular”.
Ferrocarril
. Os populares visitaron esta mañá a estación de tren da Rúa. “Unha estación emblemática da nosa provincia pero que, por desgraza, loce un aspecto lamentable: sen servizos, taquillas, bancos… unha situación terceiromundista para unha poboación tan importante como é A Rúa”, criticaron os populares, que denunciaron o “abandono do servizo ferroviario por parte do Goberno de Sánchez”.
Estradas
. Tamén na Rúa, os populares reclamaron o enlace de Vilela coa N-120. “Este proxecto é unha vella reivindicación que hoxe debería estar licitado. Os deputados e senadores populares esiximos nos últimos anos en numerosas ocasións activar esta infraestrutura, atopando o rexeitamento por parte do Goberno”.
Os candidatos definen a comunicación por estrada entre Valdeorras e Ourense como “completamente deficitaria, incapaz de absorber todo o tráfico”. A A-76, lembraron, “debería ser xa a alternativa, pero nin tan sequera vimos licitado un tramo”. Ante isto, reafirman o seu compromiso: “O próximo goberno, que será o de Alberto Núñez Feijóo, impulsaremos os primeiros tramos da A-76 e traballaremos polo enlace de Vilela coa N-120, unha estrada que, por suposto, debe estar nun perfecto estado e con novos carrís de incorporación nos tramos nos que son imprescindibles”.