miércoles, 26 de julio de 2023

Adxudicadas pola Xunta as obras de execución da senda que irá desde a intermodal ata a Ponte Romana, pola avenida das Caldas


Informa hoxe a  Xunta que adxudicou por 1.296.980 euros as obras de execución da senda que irá desde a intermodal ata a Ponte Romana, pola avenida das Caldas, no concello de Ourense.

Esta intervención, adxudicada á empresa Proyecon Galicia, S.A., forma parte das actuacións para a conformación dun eixe de mobilidade sostible que conectará Ourense de norte a sur a través de 5,1 km de sendas cunha inversión global de 8 M€. A actuación súmase á adxudicada a pasada semana por máis de 3,5 M€ para executar a senda entre Os Remedios e Expourense, ao longo do paseo do Barbaña.

A previsión é comezar  as obras de acondicionamento da avenida das Caldas a finais do verán e iniciar no último trimestre as obras da senda do Barbaña, co obxectivo de poder ter rematados os traballos a finais de 2024.

En concreto, as obras da senda entre a intermodal e a Ponte Romana suporán acometer a humanización integral da avenida das Caldas, para convertela en porta de entrada á cidade, tendo en conta que a senda parte da estación intermodal. Así, mellorarase a mobilidade peonil e ciclista nun treito que coincide, ademais, coa Vía da Prata, polo que tamén se contribuirá á dinamización do Camiño.

Intervirase ao longo de 600 metros, entre a estación intermodal e a Ponte Romana, habilitando beirarrúas máis anchas e carril bici, gañando espazo para as persoas e reducindo a circulación do tráfico rodado a un carril, en sentido baixada, que se dotará, pola marxe dereita, de aparcadoiro, paradas de autobús e zonas de carga.

Tamén se ampliarán e se renovarán as beirarrúas, procurando un ancho mínimo de 2 metros na marxe dereita en sentido baixada e de entre 3 e 5 metros pola marxe esquerda, que é a que coincide co Camiño de Santiago.

Estas actuacións enmárcase nos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.