Esta actuación, adxudicada á empresa Extraco, Construccións e Proxectos, S.A., forma parte do proxecto para a conformación dun eixe de mobilidade sostible que conectará Ourense de norte a sur a través de 5,1 km de sendas.
A previsión é iniciar no último trimestre deste ano as obras da senda do Barbaña, toda vez que os actos expropiatorios de levantamento de actas previas foron xa realizados e a formalización das actas de ocupación se levará a cabo o vindeiro día 31 de xullo, das 10,00 ás 12,00 horas no Centro Cívico da Ponte, na rúa Eulogio Gómez Franqueira. O obxectivo da Xunta é poder ter rematados os traballos a finais de 2024.
En concreto, as obras obxecto deste contrato céntranse no treito de senda entre Os Remedios e Expourense, o paseo do Barbaña e prevén a execución de 3,5 km de itinerario, dándolle continuidade onde se interrompe, entre a praza de abastos e A Molinera.
Na intervención melloraranse os pavimentos para a circulación a pé e en bici e os cruces, dando preferencia a estes usuarios e reforzando tamén a accesibilidade e as conexións coa contorna.
Executarase unha nova estrutura metálica para o paso peonil independente, dando solución á beirarrúa precintada na marxe dereita do estribo da Ponte Romana.
Ademais, para acadar unha mellor conexión entre a Ponte e a senda do Barbaña, habilitarase un paso para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela.