Rueda, acompañado polo conselleiro do Medio Rural,
José González, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,
asistiu á sinatura dun novo convenio de colaboración entre o Goberno galego e a
Comunidade de Regantes “Nova Limia” para dotar a cada un desas 40 sondaxes
executadas –seis para a comunidade de San Salvador de Sabucedo; 13 para a de
Lamas-Ganade; outros 13 para a de Corno do Monte; e oito para a de Alta Limia–
da instalación de equipos de bombeo y de electrificación necesarios para o seu
correcto funcionamento. Uns traballos que posibilitarán unha agricultura máis
sostible e respectuosa co medio ao tempo que mellorarán a calidade de vida dos
agricultores ao reducir o tempo que se dedica á rega.
Estas actuacións, ás que a Xunta destinará 2,5 millóns
de fondos propios –que se suman aos 4 M€ investidos na construción dos pozos–,
farán que os agricultores dispoñan dunha toma de auga próxima aos cultivos con
caudal mínimo necesario. Así, esta modernización permitirá un maior aforro e
eficiencia da rega, contribuirá á regularización dos recursos hídricos da
comarca e á introdución de novas técnicas máis eficientes a nivel de parcela,
ao tempo que mellorará a renda agraria e o desenvolvemento desta bisbarra
ourensá.
Neste sentido, o titular da Xunta lembrou a
importancia de levar a cabo un consumo responsable da auga e de concienciar á
cidadanía de que cada gota conta, máis tendo en conta que a tempada estival
acaba de comezar. “A auga sempre foi un ben moi prezado pero cada vez vaino ser
máis polo que, aínda que afortunadamente tivemos un bo ano desde o punto de
vista hidrolóxico, iso non quere dicir que non teñamos que estar moi en garda e
non teñamos que pensar que a auga hai que aproveitala e moi ben”, asegurou.
Impulso á bisbarra
As actuacións impulsadas son necesarias para levar a
cabo o “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío-A Limia 2022”
asinado recentemente entre a Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias
(Seiasa) e as comunidades de regantes. Ao mesmo tempo, súmanse a outros
traballo levados a cabo pola Administración autonómica dentro do Plan
estratéxico do sector agrario da comarca da Limia como a reparación de varios
camiños repartidos nunha ducia de concellos que son utilizados polos
agricultores e gandeiros locais a través dun investimento dun millón de euros.
“Temos no sector primario un dos grandes elementos do
noso desenvolvemento económico pero nos interesa que sexa cada vez máis
moderno”, indicou Alfonso Rueda, ao tempo que agradeceu o labor levado a cabo
polas comunidades de regantes “para aproveitar moito máis todas as
infraestruturas”.