sábado, 1 de julio de 2023

Eleccións 23X: Os candidatos populares comprométense a loitar polos fondos europeos para destinalos ao sector vitivinícola ourensá

Os candidatos ourensáns do Partido Popular ao Congreso e ao Senado nas eleccións xerais do 23 de xullo visitaron esta mañá a adega Sanclodio, en Leiro, situada na Denominación de Orixe do Ribeiro e un exemplo da potencia da provincia de Ourense no sector vitivinícola español. 

Os candidatos do Partido Popular ao Congreso -Ana Belén Vázquez, Celso Delgado e Miguel Ángel Michinel- e ao Senado -Luis Menor e Rosa Sánchez-, acompañados polo alcalde de Leiro, Francisco José Fernández -candidato suplente ao Senado-, destacaron a alta importancia deste sector dentro da economía ourensá, con catro das cinco denominacións de orixe galegas. 

No encontro, os populares avanzaron o seu compromiso por loitar polos fondos europeos para poder destínaos ao sector vitivinícola ourensá, apostando por promover a comercialización e internacionalización das adegas da provincia. 

“O Partido Popular sempre apostou polos viños de calidade, representados por Denominacións de Orixe fortes que marcan a diferenza”, sinalaron os candidatos populares, que definiron a “diferenciación pola calidade como o fito fundamental que debe presidir toda a acción do Goberno central, xa que é fundamental para asegurar a comercialización e internacionalización dun dos sectores máis profesionais e puxantes do noso país”. 

O sector primario, explicaron, “ten un papel fundamental no programa de Alberto Núñez Feijóo. O próximo presidente de España é do rural e coñece perfectamente as súas potencialidades”. 


A oportunidade dos fondos de recuperación 

No encontro desta mañá, os populares remarcaron a oportunidade propiciada polos fondos europeos: “O sector do viño axústase aos criterios esixidos pola Unión Europea para recibir fondos de recuperación e resiliencia, ademais como cultivo leñoso arbustivo que é ten acreditado o seu beneficio ao medioambiente contribuíndo á fixación de CO2”. 

E precisamente nesta liña, explicaron os candidatos ourensáns, “a FEV elaborou un Plan moi traballado, ben articulado e orzado con proxectos concretos orientados a conseguir un proceso de dixitalización na xestión, no proceso produtivo, e na orientación ao consumidor; a impulsar proxectos tractores cara a unha economía verde, cara a unha economía circular e cara a unha economía social; a promover cambios de sistemas enerxéticos, investimentos en aproveitamento de auga e a xestión adecuada dos residuos”.