viernes, 11 de agosto de 2023

A Xunta formaliza o contrato para executar as obras da nova senda entre Os Remedios e Expourense, o paseo do Barbaña, na cidade de Ourense



A Xunta informa que vén de formalizar o contrato para executar as obras da nova senda entre Os Remedios e Expourense, o paseo do Barbaña, na cidade de Ourense. actuación, adxudicada por máis de 3,5M€ á empresa Extraco, Construccións e Proxectos, S.A., comezará previsiblemente no último trimestre deste ano, co obxectivo de poder ter rematados os traballos a finais de 2024.

As obras céntranse no treito de senda entre Os Remedios e Expourense, o paseo do Barbaña e prevén a execución de 3,5 km de itinerario, dándolle continuidade onde se interrompe, entre a praza de abastos e A Molinera. 

 

Na intervención melloraranse os pavimentos para a circulación a pé e en bici e os cruces, dando preferencia a estes usuarios e reforzando tamén a accesibilidade e as conexións coa contorna. 

 

Executarase unha nova estrutura metálica para o paso peonil independente, dando solución á beirarrúa precintada na marxe dereita do estribo da Ponte Romana. 

 

Ademais, para acadar unha mellor conexión entre a Ponte e a senda do Barbaña, habilitarase un paso para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela.

 

Ao longo do percorrido mellorarase tamén o acceso ás Burgas, unindo de modo directo os paseos do Barbaña e Barbañica e actuando no acceso á zona deste pavillón Paco Paz e a Expourense.

 

A intervención forma parte do proxecto para a conformación dun itinerario que conectará Ourense de norte a sur a través de 5,1 km de sendas.

 

Cómpre lembrar que a Xunta, no marco deste itinerario, prevé comezar a finais de verán as obras do treito que irá desde a intermodal ata a Ponte Romana, pola avenida das Caldas, cun investimento total de 1,2 M€.

 

Estas actuacións enmárcase nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.