Di a nota “Camiño de conmemorar o seu trinta aniversario, o centro de saúde recolle nas súas paredes unha pequena escolma das súas orixes e vén de renovar a súa pintura e sinalización interior, na procura de mellorar a orientación e circuítos de pacientes, humanizando o seu paso polo centro, moi especialmente dos máis cativos, para o que se decorou coa imaxe gráfica dos “Bolechas” a área de pediatría. Ademais, xunto coa renovación interior, mellorouse o aparcadoiro de persoal e a súa accesibilidade.
O centro de saúde pontino conta desde este ano con novos servizos orientados ao paciente, ampliando a súa carteira de servizos cunha dietista-nutricionista, que complementa o traballo do equipo asistencial na atención de pacientes con patoloxías crónicas moi prevalentes como a diabete, a hipertensión arterial, a insuficiencia renal, obesidade, dislipemia -ou colesterol elevado- e tamén ao conxunto da poboación, que se benefician do seu consello profesional para unha alimentación máis saudable ou adaptada ás súas características vitais e de saúde, mediante consultas individuais e obradoiros.
Xunto coa nova profesional, o centro dispón, tamén desde este ano, cun profesional administrativo máis, para orientar e fomentar a capacitación tecnolóxica dos pacientes, no marco dunha iniciativa posta en marcha polo Sergas para dar a coñecer e facilitar o acceso á aplicación SergasMóbil, a fiestra dixital desde a que os usuarios e usuarias poden pedir cita, lembrar a data e localización das súas consultas, a medicación activa, ou incluso descargar as súas últimas analíticas, probas radiolóxicas, etc. da súa historia clínica, grazas a ao aplicativo e-saúde.”
As miñas felicitacións a todo o persoal do Sergas que traballa neste Centro de Saúde. Cónstame persoalmente o excelente desempeño que realizan pois atenden a miles de persoas neste importante barrio, entre outras aos meus anciáns e enfermos pais con desprazamentos ao domicilio (curas, vacinas, sintrom, etc.) con cariño, eficacia e prontitude.
Moi agradecido por todo iso.