lunes, 14 de agosto de 2023

Alberto Pazos: “Desde o PPdeG imos seguir poñendo deberes e demandando a Axenda Galega ao novo Executivo central, sexa cal sexa a súa cor política”

 

Esta mañá o viceportavoz Alberto Pazos manifestou en rolda de prensa que desde o PPdeG “imos seguir poñendo deberes e demandando a Axenda Galega ao novo Executivo central, sexa cal sexa a súa cor política, porque por riba de calquera outra consideración, nós defendemos e defenderemos sempre os intereses galegos”.

O deputado popular lamentou a medalla acadada nos anos de xestión polo Goberno de  Pedro Sánchez como “o peor Goberno da historia para Galicia” e que a situación continúa a repetirse na actualidade “xa que o actual presidente en funcións está máis interesado en resolver os seus propios problemas que en solucionar os problemas dos cidadáns”.

Alberto Pazos sinalou que, pola contra, en Galicia a estabilidade política permite unha capacidade de xestión e de accións políticas que son valoradas positivamente polo galegos e galegas “tal e como amosaron nas pasadas eleccións, apoiando maioritariamente unha opción que replicaría o modelo galego do sentidiño, encabezado por Alfonso Rueda, a nivel estatal”.

A estabilidade política ten reflexo  tamén a nivel do Lexislativo, con acordos e demandas do Parlamento de Galicia, algunhas delas por unanimidade de todos os grupos políticos, ao Goberno central para o desbloqueo de peticións previamente comprometidas ou a atención a cuestións urxentes que precisa a cidadanía galega, sinalou o viceportavoz popular.

Entre estes acordos sinalou, entre outros, a petición dun financiamento autonómico consensuado cos territorios e que garanta a igualdade a cada un dos cidadáns españois ou o impulso ás infraestruturas pendentes, como a transferencia da AP-9, a chegada dos trens Avril, a reconstrución urxente e simultánea dos viadutos da A-6 ou o Corredor Atlántico Noroeste de Mercadorías.

Outros acordos aprobados fan referencia á necesidade de que o Goberno central dea cumprimento ao cofinanciamento do 50% da Lei de Dependencia ou o traspaso da xestión do Ingreso Mínimo Vital. Así como os referidos á necesidade dunha cogobernanza real para a xestión dos fondos europeos, a ampliación da convocatoria dos PERTE’s ou o impulso a solucións reais para a industria electrointensiva.

Celebrou Alberto Pazos o cambio de parecer da ministra Calviño sobre a redución do IVE de carne, peixes e conservas “demandada en reiteradas ocasións polo Parlamento galego e tantos meses rexeitada polo Goberno central e que agora parece que  queren rectificar, nunha clara mostra de que este Goberno cando rectifica é cando acerta”.

Ademais, engadiu o viceportavoz popular, de cuestións claves para Galicia como o reto demográfico, o desenvolvemento da Lei do litoral ou as medidas necesarias para proveer de profesionais médicos á nosa sanidade e ao conxunto da rede sanitaria pública nacional.