martes, 12 de septiembre de 2023

O Parlamento de Galicia pide novamente por unanimidade a transferencia da titularidade e competencias da autopista AP-9 á Comunidade galega

 

Asisto esta mañá desde a tribuna do público ao Pleno do Parlamento de Galicia que comezou as dez horas, gardando un minuto de silencio en memoria das vítimas do terremoto rexistrado en Marrocos, e tamén para trasladar a solidariedade da Cámara con todas as persoas afectadas e as súas familias. Tamén foron lembradas as vítimas das inundacións en Libia.

O meu interés era asistir ao Debate de toma en consideración de duas Proposicións de lei, para remitir ao Congreso dos Deputados, dos Grupos Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego e  do Partido Popular. Como é coñecido, na pasada XIV Lexislatura, no Congreso fun un dos deputados relatores do GPP na tramitación  Proposición de Lei Orgánica (PLO) de transferencia da titularidade e competencias da autopista AP-9 a Galicia que finalmente decau polas razóns que ao final apunto.

Tras o debate de hoxe saíu adiante a iniciativa do Grupo Popular que foi aprobada por setenta e dous deputados, sen voto en contra algún. A iniciativa do BNG defendida por ana Pontón só obtivo o respaldo de 32 deputados.

É a cuarta vez  que o Parlamento de Galicia inicia a tramitación legal para pedir ao Goberno do Estado a transferencia da AP9

O QUE QUEREMOS OS GALEGOS É UNHA AP-9 PLENAMENTE GALEGA

Na súa intervención o portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro incidiu en que  “o que queremos os galegos é unha AP-9 plenamente galega, que permita unha xestión máis directa e máis pegada ao territorio, e libre de cargas”

Balseiro manifestou que “unha vez conformadas as Cortes Xerais logo das últimas eleccións nacionais, a nosa primeira reivindicación é a transferencia da AP-9 a Galicia”. “Estamos cansos de ser discriminados tanto na xestión desta infraestrutura, que entendemos debe ser autonómica, como no tratamento das súas peaxes”, indicou.

“Xestionar a AP-9 desde Galicia permitiría tomar o exemplo do feito pola Xunta que, con gran sensibilidade e acerto, decidiu conxelar as peaxes das autoestradas autonómicas, absorbendo a suba do IPC e da aplicación dos distintos descontos”, explicou o portavoz popular.

Neste sentido, lembrou que socialistas e nacionalistas “venderon o pacto de Ana Pontón e Adriana Lastra, o pacto de investidura de Pedro Sánchez, como a solución ás peaxes abusivas da AP-9, pero a realidade é que os descontos que impuxeron foron tan insuficiente que nin tan sequera se esgotou a partida orzamentaria prevista, e todo iso a pesar de deixar fóra a miles de usuarios”. “E, non contentos con iso, o pasado 1 de xaneiro subiron as peaxes  da autoestrada converténdoa nunha das máis caras de toda España”, lamentou.

José Manuel Balseiro subliñou que “a segunda das melloras que presenta a proposición de lei do Grupo Popular ten que ver con cuestións de financiamento, porque non imos permitir que a AP-9 supoña unha carga económica para os galegos”.

Así, respecto da proposta defendida polo BNG, Balseiro explicou que a proposta do Grupo Popular “inclúe catro novos parágrafos para que a transferencia veña acompañada dos recursos necesarios con cargo aos orzamentos xerais do Estado”. En concreto, pídese que o Estado asuma as obras comprometidas e pendentes de executar; o custe de ampliar as bonificacións vixentes, estendéndoas a vehículos pesados e familias numerosas; calquera consecuencia económica futura derivada de decisións que non sexan imputables á Xunta; e a hipoteca imposta polo Goberno socialista de Zapatero que obriga a incrementar as peaxes como mínimo un 1 por cento durante os próximos 20 anos.

DEMANDA COMÚN DE GALICIA

“Estamos a falar dunha demanda común de Galicia, que xa foi aprobada por unanimidade en tres ocasións neste Parlamento galego e que permitiría ao Goberno galego acadar a xestión directa da AP-9 para adaptala con maior eficacia ás necesidades de Galicia e dos seus habitantes, e dar prioridade a unha serie de obras e medidas que son imprescindibles de acometer”, sinalou o portavoz popular.

Balseiro cualificou de “inxustificable que unha iniciativa, cuxa toma en consideración foi aprobada no Congreso por unha ampla maioría de 287 deputados e cuxa tramitación se dispuxo que fora polo procedemento de urxencia, se atopara deliberadamente bloqueada polos partidos que tiñan o control da Mesa: o PSOE de Pedro Sánchez e o partido da vicepresidenta Yolanda Díaz”.

Deste xeito, e ante unha iniciativa lexislativa que decaeu pola convocatoria de eleccións xerais, “o primeiro que facemos desde o Grupo Popular é cumprir o noso compromiso e retomar esta petición, impulsado un novo procedemento parlamentario para acadar este obxectivo nesta nova lexislatura estatal”.

A XUNTA ESTÁ PREPARADA PARA ASUMIR A XESTIÓN DA AP-9

Finalizado o debate a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que a Xunta está preparada para asumir a xestión da AP-9 e mellorar así o servizo da autoestrada aos galegos.

Vázquez Mourelle subliñou que o Goberno galego conta co coñecemento, a experiencia de xestión e a vontade política necesarias para incorporar a AP-9 á rede autonómica de estradas e garantir o seu mellor funcionamento.

Recordou que a Xunta asumiu o compromiso de seguir reivindicando ante o novo Executivo estatal que saíse das urnas o traspaso da AP-9 a Galicia e así o está facendo hoxe no Parlamento, sentando as bases para non perder máis tempo nesta reivindicación histórica e xusta dos galegos.

Vázquez fixo fincapé en que se leva agardando moito tempo por esta transferencia, xa que o Parlamento galego aprobou ata en tres ocasións por unanimidade esta demanda, que logo se viu desvirtuada e obstaculizada pola acción do Partido Socialista no Congreso.

Lembrou que a Xunta leva máis de 14 anos defendendo a transferencia a Galicia da Autoestrada do Atlántico, unha infraestrutura fundamental para o funcionamento da sociedade e da economía, xa que vertebra o territorio no que reside o 60% dos galegos.

Salientou que unha xestión máis próxima ao territorio desa infraestrutura permitiría que a AP-9 prestase un mellor servizo aos galegos e a Galicia.

Incidiu en que a Xunta coñece en profundidade o funcionamento da autoestrada, as súas eivas e a súa evolución, polo que está en condicións de poder responder mellor ás necesidades de mobilidade dos galegos.

A TRAMITACIÓN NA XIV LEXISLATURA DO CONGRESO DA PLO DE TRANSFERENCIA DA AP-9 A GALICIA

A Proposición de Lei Orgánica (PLO) de transferencia da titularidade e competencias da autopista AP-9 a Galicia na Cámara Baixa  iniciou a tramitación no Congreso dos Deputados o 3 decembro de 2019, aínda que non foi ata o 2 de  febreiro de 2021 cando se aprobou –cunha ampla maioría de 287 deputados– a súa toma en consideración e se encomendou o Ditame sobre a mesma á Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

A partir deste momento, tal e como denunciamos os populares, a iniciativa lexislativa chegou a acumular ata 15 prórrogas acordadas sistematicamente polos representantes de PSOE e Podemos-Galicia en Común. Foi a presión dos deputados populares ponentes Celso Delgado e Jaime de Olano a que forzou o fin das prórrogas. O deputado do BNG apenas protestaba.

O 16 de xuño de 2021 os deputados galegos rexistraron no Congreso as emendas á Proposición de Lei Orgánica. As seis emendas do GPP pretendían garantir que o traspaso da autoestrada viñera acompañado dos recursos necesarios para que funcione de forma efectiva como un factor de vertebración territorial, de calidade de vida e competitividade económica. Tratábase de evitar que a transferencia se convertera nunha carga económica para a Administración autonómica e que esta tivese que asumir cuestións como o custo das bonificacións ou o financiamento das obras necesarias, na súa maior parte programadas e comprometidas desde hai anos.

Finalmente, o 21 de setembro de 2021 constituíuse a Ponencia, pero pese a reiterada insistencia dos ponentes populares - por medio de múltiples escritos e protestas- non volveu a convocarse pola Mesa da Comisión (dominada polo PSOE e aliados) unha reunión da mesma ata o 15 de marzo de 2023; nesa reunión da Ponencia acordaron volver reunirse unha vez pasada a Semana Santa.

Os deputados galegos Celso Delgado e Jaime de Olano no mes de abril solicitaron a Mesa da Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana  que convocara unha nova reunión da Ponencia no mes de maio de 2023 para que  levara a cabo os traballos correspondentes para a elaboración do informe e o seu posterior envío á Comisión.

Nesa xuntanza, o día 10 de maio de 2023 , os populares, na procura dun amplo consenso, defenderon nesa reunión da ponencia que o informe que debería aprobarse sería o que votou por unanimidade a Cámara galega, e que expresa, no seu artigo 2º, que o exercicio da competencia transferida debe ser asumido pola Comunidade Autónoma de Galicia no momento en que teña efectividade a transferencia dos medios materiais e orzamentarios necesarios, que se instrumentará mediante un acordo da Comisión Mixta de Transferencia Estado – Xunta de Galicia e o correspondente real decreto de traspaso de servicios”.

O compromiso de respectar a literalidade da PLO do Parlamento de Galicia —e de abordar en fases posteriores da tramitación os imprescindibles aspectos materiais e orzamentarios— tiña o obxectivo de axilizar a aprobación da transferencia. Susténtabase nunha proposición non de lei aprobada o pasado 11 de abril de 2023 polas tres forzas políticas con representación na Cámara Autonómica.

Os deputados populares retiraron as emendas presentadas e cinguirse ao texto do Parlamento para chegar a un acordo, pero o PSOE se negou a retirar as súas, o que evitou que se lle dera luz verde ao informe.

Os socialistas mantiveron a súa postura de desactivar a transferencia da titularidade e das competencias e limitala a unha “transferencia de competencias sobre a administración e a explotación”. É dicir, que a titularidade da AP-9 quede en mans da Administración Xeral do Estado, como ata agora.

Quedaba acreditada o pouco peso do socialismo galego e de Podemos no Congreso, que nin con dúas vicepresidentas (Calviño e Díaz)  e un ministro (Miñones) foron quen de defender un tema transcendental para a súa terra, para Galicia.

Despois desa reunión da Ponencia, tentamos desde o Grupo Popular convocar outra nova reunión para seguir insistindo, pero non foi posible pola negativa rotunda do PSOE e os seus aliados. A disolución das Cortes a convocatoria de eleccións xerais para o vindeiro 23 de xullo de 2023 implicou que o texto lexislativo decaese.

Concluíndo:

Primeira: Tanto PSOE como Podemos-Galicia en Común boicotearon con descaro a tramitación da iniciativa.

As sete emendas do Grupo Parlamentario Socialista apostaban por desactivar a transferencia da “titularidade e competencias” e limitala a “unha transferencia de competencias sobre a administración e a explotación” Pretendían que a titularidade da AP-9 queda en mans da Administración Xeral do Estado, como ata o de agora.

A emenda ao artigo 1 do PSOE utilizaba como pretexto que a transferencia da titularidade da AP-9 comprometería a tramitación e a aprobación por parte da Administración Xeral do Estado das bonificacións de peaxe previstas, que estimaba en 50 millóns de euros ao ano. Pero o certo é que estas bonificacións aos usuarios da AP-9 xa habían sido implantadas e pola tanto non debe existir ningún inconveniente.

En definitiva, as emendas socialistas supoñían unha rebaixa substancial das pretensións da proposición de lei aprobada no Parlamento de Galicia co apoio unánime de todos os Grupos

Segunda: A dirixente socialista Adriana Lastra asinou o 3 de xaneiro de 2020 un acordo coa dirixente de BNG, Ana Pontón polo que o seu único deputado Nestor Rego comprometíase a votar a favor da investidura de Pedro Sánchez a cambio de varios compromisos do candidato e do Gobieno español, entre eles o de "aprobar no Congreso dos Deputados a Proposición de Lei do Parlamento de Galicia de transferencia da AP-9 ao longo de 2020"

https://www.psoe.es/media-content/2020/01/Acuerdo-Investidura-PSOE-BNG-Castellano.pdf

Quedou evidenciada a nula importancia que o BNG lle deu a que o seu compromiso estrela, fora incumprido flagrantemente. Ademais adoptou un papel moi pouco reivindicativo para axilizar a tramitación da PLO no Congreso. Sempre foi ao rebufo das reclamacións e protestas que fixeron os deputados galegos do PP.

Ademais o BNG non presentou emendas, renunciando a mellorar o texto aprobado no Parlamento de Galicia sen mostrar preocupación algunha sobre as condicións na transferencia viñese á Comunidade.