Asisto hoxe en Xinzo a inauguración da 4ª Feira Agraria da Limia Alimagro 2023. Está organizado polo Concello de Xinzo de Limia e conta coa colaboración da Deputación de Ourense, estará ata o domingo amosando as novidades sobre o cultivo da pataca e da maquinaria agrícola.
A feira, que ten vocación de converterse nun referente
nacional, divídese en dous espazos: no pavillón de deportes estará a sede da
feira da pataca, e no parque do Toural en Xinzo estarán expostas as novidades
da maquinaria.
O obxectivo desta feira, ademais de servir de escaparate
para todo o sector da pataca de España e Portugal, é reforzar o vínculo entre
produtores de semente, cultivadores e operadores de toda a Península.
Un acto presidido polo conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José Gonzále, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz; así como moitos representantes institucionais públicos e privados.
O conselleiro do Medio Rural, José González na súa intervención, puxo en valor a produción certificada con esta IXP que, lembrou, supera anualmente os 6,2 millóns de quilos, cun valor económico estimado de máis de tres millóns de euros e preto de 700 hectáreas de superficie plantada. Recordou tamén que están amparados ata 90 produtores e 12 almacenistas.
Nesta liña, José González remarcou ademais o peso
específico da pataca na dieta da poboación e o feito de que a gastronomía
tradicional de Galicia non se entende sen este produto. Por estas e outras
razóns, o conselleiro concluíu que o da pataca é un cultivo con futuro e que
tamén teñen porvir as principais zonas de produción como A Limia. Neste
sentido, o titular de Medio Rural reafirmou o compromiso da Xunta co cultivo de
pataca nesta bisbarra ourensá e tamén coa propia comarca.
Plan estratéxico
O conselleiro indicou que ese compromiso se
materializa nun Plan estratéxico que, dixo, persegue un modelo máis sustentable
económica, social e ambientalmente, sempre en colaboración cos principais
axentes do territorio. Asemade, González destacou que as actuacións
contempladas no devandito plan enmárcanse no investimento de máis de 40 millóns
de euros, destinados de xeito conxunto entre a Xunta e o Estado, para mellorar
as condicións da actividade agraria nesta comarca.
Neste contexto, salientou os fondos para dotacións e
melloras na rede de regadío, así como para reparación de camiños. Sobre o
regadío, puxo en valor as actuacións de modernización, así como para a
construción e optimización enerxética de ata 40 pozos de sondaxe de auga.
Tamén, os esforzos para propiciar a limpeza das canles e dos camiños paralelos.
A maiores, José González referiuse
aos tres polígonos agroforestais que se situarán no mesmo concello de Xinzo,
recuperando arredor de 3.500 hectáreas de terreo, ou ao que se localizará no
veciño municipio de Porqueira, con 570 hectáreas máis. E tamén que,
precisamente neste mesmo concello de Porqueira, trabállase para crear a aldea
modelo de Lobios, que se atopa actualmente en fase de recollida de sinaturas e
que abranguerá arredor de 35 hectáreas.
Anunciou que a Xunta investirá 300.000 euros nunha
campaña de promoción do consumo de tubérculo amparado pola Indicación
Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia. Esta iniciativa porase en marcha
en vindeiras datas, tras a recollida do produto.
Mesa redonda
O conselleiro fixo estas consideracións tras participar,
tamén no marco de Alimagro, nunha mesa redonda sobre os novos retos para o
sector da pataca. Neste foro, González lembrou que o sector primario achega
preto do 30% do Produto Interior Bruto da comarca da Limia e puxo en valor a
colaboración institucional -liderada pola Xunta- que aposta por un futuro
sustentable para o agro desta bisbarra.
O presidente da Deputación de Ourense Luis Menor afirmou en Alimagro que a Deputación seguirá a ser "unha firme aliada do sector agrogandeiro da provincia"
Destacou o compromiso do goberno provincial a prol dun dos sectores de referencia "para a nosa provincia e, sobre todo, para a comarca da Limia, eminentemente agrícola"
Puxo en valor o traballo que realiza a institución provincial de apoio e asesoramento aos agricultores ourensáns a través do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, situado en Xinzo de Limia.