Esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle referiuse no Parlamento autonómico ao encontro de onte do Comisionado para o Corredor Atlántico de Mercadorías cos representantes do empresariado galego que, indicou, serviu para constatar, unha vez máis, a falta de implicación e compromiso do Goberno de España cun proxecto estratéxico para incrementar as capacidades loxísticas e a competitividade económica e empresarial de Galicia.
A conselleira cualificou como unha decepción absoluta os 8 meses de traxectoria do Comisionado do Corredor Atlántico, que continúa desde xaneiro sen recibir nin escoitar ao Goberno galego, así como sen informar sobre as previsións e avances para a modernización ferroviaria do noroeste.
Co nomeamento do Comisionado, segundo dixo, as comunidades do noroeste agardaron ver atendida unha demanda formulada durante anos e dispoñer así dunha canle para dialogar sobre o impulso deste proxecto e participar, desde o territorio, na elaboración do Plan director do Corredor Atlántico. A titular de Infraestruturas e Mobilidade apuntou, sen embargo, que a satisfacción inicial se transformou en decepción absoluta ante a falta de diálogo e avances.
Fixo fincapé en que en máis de 8 meses o Comisionado non atopou un oco para recibir ao Goberno galego, para escoitar o que se tiña que dicir desde Galicia sobre este corredor ferroviario ou para trasladar á Xunta información directa sobre o avance das xestións que farán posible a modernización das infraestruturas ferroviarias no noroeste peninsular.
Ethel Vázquez lamentou que o Comisionado vetase a participación da Xunta no encontro mantido onte co empresariado galego, ao igual que considerou un erro que non fosen convidados a ese foro os representantes dos 5 portos de Interese xeral do Estado en Galicia, actores fundamentais neste proxecto.
Como mostra da falta de impulso do Goberno de España ao Corredor Atlántico noroeste, a conselleira destacou que non se presentou ningún proxecto á convocatoria de fondos europeos para o seu desenvolvemento en Galicia, Asturias e Castela e León, que tamén quedan fóra do órgano xestor loxístico da rede transeuropea de mercadorías. Unha desidia, remarcou, que suporá que a Unión Europea destine este ano 6.300 M€ á rede europea de transportes, dos que 250 M€ serán para España, pero ningún para Galicia nin para o noroeste.
Ethel Vázquez reprochou o comportamento do Goberno e do Comisionado e manifestou a determinación da Xunta a seguir loitando ata lograr un cambio de actitude.
A conselleira asegurou que desde o Goberno galego continuará o traballo e a reclamación dun Plan director que responda ás expectativas de Galicia e dos territorios do noroeste. Así, citou como investimentos imprescindibles a Saída Sur de Vigo e a conexión Monforte-Lugo-A Coruña-Ferrol, ata acadar os 8.000 M€ no noroeste, moi lonxe dos 1.400 M€ dos que onte falou o Goberno de España.