Esta mañá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o goberno galego vai crear nos Orzamentos de 2024 un bono para as familias por valor de 120 euros por fillo ou filla, de entre 6 e 16 anos, para a compra de material e equipamento deportivo, asistir a clases ou anotarse nun centro deportivo.
Salientou que esta iniciativa, dirixida a deportistas
federados, fomentará a vida saudable das xeracións máis novas e chegará a máis
de 130.000 fogares, á vez que facilitará a volta ao cole de todas as
familias e incentivará as compras no comercio galego.
Así o anunciou na xuntanza cos membros do Goberno
galego na que se abordaron os feitos e próximos obxectivos da Xunta na liña das
políticas do Goberno galego “desde as persoas e para as persoas” e incidiu en
que a “axenda da Xunta é a axenda de Galicia”. Neste senso, tamén apuntou que
xa se está a traballar para elaborar un teito de gasto que permita contar
cunhas contas públicas de cara ao ano que vén.
Neste encontro salientou as iniciativas que aprobou o
Goberno durante o último ano, como: a Lei do litoral, para xestionar toda a
costa galega na súa extensión; as medidas de apoio ás familias, coa
equiparación das familias con dous fillos ás familias numerosas a efectos do
IRPF; as relacionadas cos problemas de acceso a un fogar, impulsando preto de
1900 novas vivendas públicas para alugueiro e outras 3000 da man de promotores
privados; as medidas relacionadas cos tributos, configurándose Galicia como
unha das comunidades autónomas con menos impostos para as rendas medias e
baixas; e a aposta galega polo uso de enerxías renovables coa aprobación da Lei
de recursos naturais.
Unha comunidade forte
Rueda afirmou que Galicia “é unha terra forte”. Salientou
a capacidade da comunidade para recuperar a fortaleza económica prepandemia
seis meses antes que o conxunto de España.
Isto súmase a demostración en cifras que fai Galicia
cada ano batendo récords de visitantes ao consolidarse como un dos destinos turísticos
favoritos por excelencia por ser unha comunidade acolledora, aberta e
hospitalaria, tal e como sinalou o presidente galego.
O titular da Xunta tamén destacou “o espírito de
superación que se transmite de xeración en xeración” e que sitúa Galicia á cabeza
de España, de Europa e do conxunto dos países desenvolvidos en resultados de
escola e emprego. Por este motivo, afirmou que a nosa comunidade é “unha terra
de traballo”, na que o desemprego está en cifras máis baixas que nunca e con
máis persoas cotizando que no ano 2009.
Comunidade líder en apoio ás familias
Rueda destacou que Galicia leva anos traballando polas
familias, pola creación de oportunidades de postos de traballo e no asentamento
das bases para un futuro mellor. O sistema educativo galego é “unha referencia
en inclusión das rapazas e rapaces con necesidades especiais e en apoio ás
familias menos favorecidas”, sinalou o presidente.
En materia de sanidade, o goberno implantou numerosas
medidas para protexer a saúde dos galegos e das súas familias. Galicia
converteuse na comunidade que máis aumentou as prazas MIR de medicina de
familia e nun referente na implantación de medidas contra o déficit de
profesionais, afirmou o presidente.
Rueda avanzou a posta en marcha do Centro de
Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia para antes do fin da lexislatura e
o reforzo no enfoque proactivo neste ámbito a través de Plans locais de saúde.
“O reto non é só tratar a doenza, senón previla antes de que apareza”, afirmou
o presidente galego.
Unha economía saudable
No sector de comercio, Rueda valorou a elaboración
dunha estratexia para impulsar a incorporación da tecnoloxía e a formación en
novas tendencias de mercado. No rural, o goberno galego seguirá apostando pola
calidade a través da recuperación e mobilización de máis de 35.000 hectáreas de
terra; e no marítimo, seguirá defendo os intereses do sector ante as
institucións europeas.
O presidente da Xunta asegurou que “todo aquel que
confíe en Galicia e queira investir aquí non vai atopar ningunha dificultade
engadida, ademais das intrínsecas a calquera aventura empresarial”. A nivel
económico, salientou que Galicia obtivo moi bos resultados nos últimos anos, xa
que as empresas galegas venderon ao exterior produtos por valor de 30.000
millóns de euros.
O titular do Executivo galego concluíu que Galicia
seguirá trazando a liña que une a nosa tradición e Historia co noso
presente e o noso futuro. Recalcou que para a Xunta é prioritario lograr unha
comunidade cada vez máis igualitaria, que multiplique as opcións para formarse
e promover a cultura, ademais dunha Galicia ben coidada e protexida. Para
lograr todas as metas que se marca o Goberno galego, Rueda puxo en valor a
experiencia, compromiso e traballo dos seus membros.