Rueda deu a coñecer estes datos provenientes dun informe que foi avaliado polo Consello da Xunta. Nel analizaouse a situación dos servizos ferroviarios de ancho ibérico na Comunidade ante o incremento da demanda e a súa repercusión no transporte público por estrada.
O presidente galego explicou que, unha vez analizados e comparados os servizos de ancho ibérico ofertados actualmente por Renfe en Galicia con respecto aos que existían antes da pandemia, en decembro de 2019, confírmase que hai servizos que “nunca se volveron recuperar”, excepto no Eixe Atlántico e entre Santiago e Ourense. No entanto, sobre esta conexión aclarou que gran parte dos novos servizos nesta liña é a través dos trens Alvia de longa distancia que, en realidade, teñen poucas prazas para viaxar dentro de Galicia.
Reunión co Ministerio de Transportes.
Ante esta situación, o mandatario galego advertiu que a Xunta “non lle queda outra que dirixirse a quen ten as competencias”. Así, lembrou que a semana pasada púxose en contacto con Renfe e adiantou que no vindeiro encontro que se manterá a semana que vén co secretario de Estado de Transportes se lle vai demandar que repoña as liñas de tren suprimidas durante a pandemia e se reforce a oferta de prazas.
“Non ten ningún sentido fomentar o uso do transporte ferroviario e, por outra banda, suprimir frecuencias”, considerou o mandatario galego, quen criticou as “excusas” do Ministerio de Transportes para defender estas reducións.
Rueda advertiu que o aumento da demanda por viaxar en tren e a falta de prazas ou frecuencias está provocando que aumente o número de usuarios que opta polos autobuses interurbanos que xestiona a Xunta. No entanto, defendeu que o Goberno galego “está reaccionando a esta sobredemanda”. Así, apuntou o reforzo cun 5 % de máis autobuses ou de vehículos con maior capacidade neste inicio de curso escolar.
Mapa coa evolución da oferta de tren en Galicia no período 2019-2023