domingo, 1 de octubre de 2023

Alfonso Rueda comeza hoxe un percorrido pola Comunidade o obxectivo de manter un contacto máis directo cos galegos e as galegas

 

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, vai percorrer a Comunidade desde hoxe co obxectivo de manter un contacto máis directo cos galegos e as galegas e, dese xeito, afondar nas súas preocupacións reais.

Baixo o lema ‘Galicia non para!’, o líder do PPdeG quere intensificar a interlocución directa cos galegos a pé de rúa, nun contexto nacional no que a política se afasta cada vez máis dos intereses dos cidadáns e a comunicación se reduce aos contactos entre determinados partidos.

Así, nas vindeiras semanas o presidente dos populares galegos visitará varios concellos das catro provincias, nos que levará a cabo encontros directos e espontáneos cos cidadáns, sen intermediarios.

“O noso presidente, Alfonso Rueda, ten o un estilo propio de facer política. Con ‘Galicia non para!’ seguirá facendo esa política que pon de bo humor aos cidadáns, en contraposición coa que crispa”, subliña a secretaria xeral Paula Prado.

Prado tamén sinala que “isto contrasta coa situación de bloqueo que vive España, coa parálise e retroceso que provoca o nacionalismo e o independentismo, só centrado en lograr os seus obxectivos ideolóxicos, e cun socialismo só obsesionado en lograr os seus obxectivos partidistas”.

A “NORMALIDADE EXTRAORDINARIA” DE GALICIA

O presidente do PP de Galicia falará coa xente, no seu percorrido pola Comunidade, de economía, de emprego, da familia, de educación ou do agro. E, pola súa banda, esa cidadanía lle poderá facer chegar as súas inquedanzas e propostas directamente, nunha conversa persoal.

En definitiva, ‘Galicia non para!’ celebrará e porá en valor a “normalidade extraordinaria” da nosa terra, con Alfonso Rueda á cabeza: “Unha Galicia na que seguimos avanzando e sorteamos o bloqueo político, na que o contacto do Goberno é co pobo e non cunha elite política, e na que se convive na diversidade, en lugar de utilizarse para crispar ou dividir”, resume Prado.

“O noso presidente dixo desde que foi nomeado que quería menos atril, menos distancia e máis ti a ti, e esta acción servirá para seguir cumprindo ese propósito”, conclúe Prado.