Rueda, avanzou varias medidas de apoio ás familias e aos maiores, de mellora na atención ao dependentes así como iniciativas para facilitar o acceso á vivenda ou para impulsar proxectos industriais na comunidade.
Unha das medidas anunciadas esta mañá polo titular do
Goberno galego é a creación dun bono universal de 5.000 euros ao ano para todas
as persoas con dependencia que reciban os coidados dun familiar, un veciño ou
un profesional na súa propia casa. Tal e como explicou Rueda, estas axudas van
converter Galicia na única comunidade en contar cun bono universal para persoas
con dependencia sexa cal sexa o seu grao ou a súa renda e, polo tanto,
converterá á comunidade no lugar con máis apoios para que os maiores sexan
atendidos no seu fogar.
E no caso dos dependentes que xa conten cun bono para
acudir ao centro residencial que desexen, van recibir un complemento de 1.200
euros ao ano. Este plus será independente da renda do destinatario ou do grao
de dependencia.
Estas axudas sumaranse ao primeiro centro de coidados
intermedios público de España que abrirá as súas portas en Santiago no 2024 e
que situará a Galicia como líder nacional en apoio ás persoas con dependencia.
Avanzarase tamén na creación dun segundo centro destas características no
concello de Mos.
Apoios ás familias
Ademais, durante 2024, a Xunta lanzará un plan de
simplificación administrativa para reducir ao mínimo os trámites que teñen que
realizar as familias para recibir as diferentes axudas. A partir do ano que
vén, todos os fogares que cumpran os requisitos van recibir directamente a
Tarxeta Benvida cando teñan un fillo. E do mesmo modo, o título de familia
numerosa aprobarase de forma automática tras o nacemento do terceiro fillo e
irase renovando tamén sen facer ningún trámite mentres o fogar teña dereito a
el.
Rebaixa fiscal no acceso á vivenda e apoio ao
alugueiro para os retornados
Facilitar o acceso á vivenda dos galegos é tamén unha
das prioridades da Administración autonómica. De feito, Galicia xa está
actualmente entre as comunidades autónomas con impostos máis baixos para mercar
no rural e para os menores de 36 anos, familias numerosas e persoas con
discapacidade.
Xa no 2022 a Xunta rebaixou o Imposto de Transmisión
Patrimoniais do 10 ao 9% para a compra de inmobles de segunda man. Agora, tal e
como anunciou o presidente, afóndase nesa senda coa rebaixa, o próximo ano, dun
punto adicional do tipo xeral dese tributo ata o 8%. Na práctica, traducirase
nun aforro duns 1.000 euros para un inmoble de 100.000 euros ou de 2.000 para
un de 200.000 euros.
Esta rebaixa fiscal non é a única medida que está a
poñer en marcha a Xunta neste eido. Ademais, o Goberno galego ten o compromiso
de impulsar preto de 1.900 novas vivendas públicas para alugueiro e outras
3.000 de promotores privados; e, ademais do bono alugueiro para persoas
vulnerables e para a mocidade, incorporará un apoio específico dirixido aos
emigrantes retornados para que poidan alugar unha vivenda mentres constrúen o
seu proxecto de vida.
Apoio á industria: axilización e creación dun fondo
público-privado
Co obxectivo de atraer investimentos e proxectos
industriais a Galicia, Rueda anunciou dúas medidas de calado para axilizar a
tramitación e para poñer á súa disposición capital que os axude para dar os
primeiros pasos.
Así, precisou que se declararán Proxectos Industriais
Estratéxicos todos aqueles que creen 25 ou máis empregos, conten cun
investimento de 2 millóns de euros ou máis e supoñan unha incidencia
territorial e socioeconómica de relevancia. A partir de agora, todos estes
proxectos terán garantida que a súa tramitación —desde a presentación da
documentación ata a súa aprobación— durará un ano como máximo. Tamén se axudará
aos proxectos de tamaño medio, mediante un plan de aceleración que permitirá
reducir os prazos á metade. Ademais, Rueda avanzou que os proxectos contarán co
apoio da Xunta cando se detecten retrasos nos permisos de competencia municipal.
En canto á posta á disposición de capital, o
presidente da Xunta anunciou a creación dun fondo público-privado, cun capital
inicial de 300 millóns de euros, que permitirá que boten a andar aqueles
proxectos con máis potencial que están estancados por falta de financiamento.
Aposta reforzada polo medio rural e o mar
Na súa intervención, o titular do Executivo galego
tamén se referiu á importancia a nivel económico e social do mar e do rural.
Así, precisou unha batería de medidas para continuar sendo referentes de
calidade nestes ámbitos e para manter a súa actividade cos niveis de excelencia
que a caracterizan.
Entre outras, no ámbito rural, citou os 12 millóns de
euros que se destinarán o próximo ano aos produtores de Ternera Gallega
Suprema; o reforzo da aposta pola mobilización de terras; ou a licitación,
a principios do 2024, dos primeiros polígonos agrarios de Galicia.
Ademais, anunciou que a partir de 2024, unha
porcentaxe mínima -establecerase ao comezo do vindeiro ano- das edificacións
públicas impulsadas polo goberno autonómico terán que ter a súa estrutura en
madeira. Tamén avanzou que a Xunta activará un pioneiro mercado voluntario de
créditos en carbono, o primeiro destas características en España no ámbito
autonómico. Estes créditos orixinaranse a partir da capacidade de absorción e
almacenamento das actividades relacionadas aos usos da terra, ás masas
forestais e a promoción dos produtos forestais.
No eido do mar, avanzou que a Xunta porá en marcha un
servizo de asesoramento en materia de fondos europeos dirixido a pescadores,
acuicultores e integrantes da cadea mar industria.
Emprego
Do mesmo xeito, a Xunta vai seguir traballando para
consolidar o emprego de calidade na comunidade a través de iniciativas como a
rede que prevé acadar os 15 Polos de emprendemento este ano, ou as axudas para
a formación.
Ademais, tamén defendeu uns servizos de formación e
orientación para o emprego individualizados e adaptados ás necesidades de cada
persoa, que se conseguen a través de iniciativas como a ferramenta de
intelixencia artificial que se está probando nas oficinas de emprego; o reforzo
dos servizos de orientación laboral con 136 orientadores; o programa de apoio
personalizado ás persoas desempregadas ou programas específicos para favorecer
a inserción laboral dos retornados.
Para dar un paso máis cara á plena igualdade, tamén
anunciou a posta en marcha dun plan para a formación e contratación de mulleres
en sectores masculinizados.
Sanidade
Por outra banda, Rueda salientou que o Goberno galego
vai seguir traballando para consolidar e reforzar a excelencia no sistema
sanitario galego. Por iso, resaltou que no 2024 se van lanzar unha serie de
medidas para mellorar a atención sanitaria na comunidade. Nesta liña, salientou
a posta en marcha do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas — que
permitirá elaborar en Galicia fármacos personalizados contra o cancro— e do
centro de xestión integrada de imaxe médica que permitirá axilizar o tempos
para someterse a unha proba radiolóxica ou de anatomía patolóxica.
Resaltou tamén que se vai implantar un programa de
cirurxías de recuperación rápida de xeonllo e cadeira nos hospitais da Coruña,
Vigo e Santiago e xeneralizar o teleseguimento de pacientes crónicos como
os que sofren algún problema cardiovascular. Ademais, asegurou que se vai
incrementar o número de profesionais especializados en saúde mental. Rueda
anunciou que ao longo dos vindeiros anos xeneralizarase a presenza de
psicólogos clínicos nos centros de saúde de Galicia.
Entre os retos do futuro máis inmediatos tamén está
seguir avanzando na construción dos novos hospitais da Coruña e
Pontevedra, na ampliación dos de Ferrol e Ourense, e na inminente
renovación do de Santiago de Compostela, así como no inicio da construción do
centro de protonterapia de Galicia e nunha maior estabilidade para os
profesionais da sanidade pública galega.
Educación
No eido educativo, a Xunta seguirá apostando por
adaptar as ensinanzas de hoxe ás necesidades da sociedade do mañá e en
aproveitar todas as vantaxes das novas tecnoloxías. A comunidade chegará o
vindeiro ano ás 10.000 aulas dixitalizadas en Galicia vai desenvolver un
sistema pioneiro para analizar mediante a tecnoloxía o método de aprendizaxe de
cada alumno, detectar as súas necesidades e implantar melloras.
Ademais, a Xunta reforzará os servizos de orientación
dos centros escolares, reforzará o seu apoio ás universidades -aportando cada
ano o 1% do PIB aos campus- e impulsará a captación de talento a través de
programas como Recupera que permitirá que 30 investigadores de alto nivel
regresen a súa terra para traballar na ciencia galega.
Turismo
Tras rexistrar datos históricos de turistas nos
últimos anos -no que levamos de 2023 rexistráronse 4,9 millóns de viaxeiros-, a
Xunta segue traballando para consolidar Galicia como un destino atractivo e
sostible. Durante a súa intervención, Rueda adiantou a posta en marcha dun Plan
estratéxico do turismo rural para adaptar este sector as novas demandas dos
viaxeiros e a creación dun centro de coñecemento do Xacobeo para compartir as
claves do éxito do Camiño de Santiago.
Outras medidas
Durante a súa intervención, Rueda tamén anunciou a
creación dun parque canino en cada unha das sete principais cidades de Galicia.
Os concellos só terán que ceder a parcela e a Xunta financiará a adaptación do
terreo e a adquisición do mobiliario preciso para o desfrute das mascotas.
Por último, Rueda salientou o compromiso da Xunta con
fomentar unha mobilidade sostible —está prevista a construción de 200
quilómetros de sendas peonís ou ciclistas na comunidade, logo de ter executado
250 nos últimos anos— e garantiu que, un ano máis, o Goberno galego vai
conxelar as peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica. O obxectivo é
que os usuarios non teñan que ver incrementado o prezo pese a inflación.
Ademais anunciou que a Xunta vai reforestar as marxes
das vías de altas prestacións de titularidade autonómica con especies
autóctonas e frondosas.