Esta mañá a viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou que o Debate de política xeral celebrado onte no Parlamento de Galicia “deixou claro que Galicia non para de avanzar en servizos sociais, en mellorar a educación, en reforzar a sanidade e de ofrecer novas medidas para o benestar dos galegos”. Así mesmo, presentou as 40 propostas de resolución rexistradas polo Grupo Popular, que recollen as medidas anunciadas onte polo Presidente Rueda, inciden na mellora das políticas sociais e insisten na defensa do autogoberno de Galicia, rexeitando rexeite calquera proxecto que trate de romper a convivencia dos españois.
Paula Prado afirmou que “a illa de estabilidade e normalidade que é Galicia contrasta coa situación de bloqueo que vive España; coa parálise e retroceso que provoca o nacionalismo e o independentismo; e co socialismo so obsesionado en lograr os seus obxectivos partidistas”.
MEDIDAS ANUNCIADAS
Centrándose nas propostas de resolución presentadas polo Grupo Popular, a viceportavoz popular indicou que, en primeiro lugar, “recollen as principais medidas anunciadas onte polo Presidente Rueda na súa intervención: un novo paso na rebaixa de impostos que vimos aplicando en Galicia: neste caso, na transmisión de vehículos e no imposto de transmisións patrimoniais; a constitución dunha sociedade público-privada que impulse e participe no desenvolvemento de proxectos de aproveitamento dos recursos naturais de Galicia, entre eles o acceso a enerxía a prezos competitivos; a adopción da medidas necesarias para que Galicia sexa un referente en canto á atracción de empresas, mediante o acompañamento ás persoas promotoras, a simplificación e axilización das tramitacións administrativas; a aprobación da oferta pública de emprego do ano 2023 no prazo dun mes, para continuar na senda da redución da temporalidade; o impulso dun bono universal de coidados, cun importe de 5.000 euros, para os galegos con dependencia recoñecida que están a ser atendidos no seu fogar; o complemento de 1.200 euros ao ano a todas as persoas con dependencia que teñen unha axuda para o pago dunha residencia da súa elección; ou a creación do carné +65, para ofrecer descontos e vantaxes ás persoas maiores de Galicia, do mesmo xeito que xa gozan neste momento os mozos co Carné Xove”.
Paula Prado salientou que “unha das cuestións nas que poñemos un maior énfase nas nosas propostas de resolución é o ámbito social”. Así, no ámbito da sanidade insístese na necesidade de que se garanta a ocupación das prazas consideradas como de difícil cobertura no Servizo Galego de Saúde ou na atención aos problemas de saúde mental, coa redacción dun novo Plan 2025-2029; en materia de educación, pídese ao Goberno de España que contribúa ao financiamento da gratuidade total da educación infantil de 0 a 3 anos; ao tempo que se afonde na adaptación da Formación Profesional ás necesidades do mercado laboral; se avoga por unha cultura accesible e inclusiva, insistindo na necesidade de que o Goberno de España impulse un PERTE para o sector cultural; sen esquecerse da defensa da nosa lingua, o fomento dos hábitos de vida saudables, coa creación dun bono deporte; a integración das familias retornadas; e o impulso do Camiño de Santiago.
APOIO A PREXUDICADAS POLA LEI DO SI É SI
“Neste ámbito, quixera destacar as propostas que presentamos dirixidas á igualdade e a loita contra a violencia de xénero: en concreto, ademais de incidir no necesario impulso da igualdade no mundo laboral e na creación de cinco novos xulgados exclusivos contra a violencia de xénero, desde o Grupo Popular consideramos necesario que a Xunta preste servizos de apoio, acompañamento e asesoramento ás mulleres menores que viron como os seus agresores se beneficiaban das excarceracións e reducións de penas en aplicación da Lei do si é si, de xeito que se eviten situacións de desprotección, revitimización e perda de confianza nas institucións e a xustiza”, subliñou.
Dentro do apartado de infraestruturas, desde o Grupo Popular insístese na necesidade de que o Goberno central fixe unha data concreta para a chegada dos trens Avril, ao tempo que se executan outras melloras para a chegada do AVE a toda a Comunidade galega e se mellora a rede interior; sen esquecerse das comunicacións por estrada, onde se demanda a transferencia da AP-9; a construción das autovías pendentes e a reconstrución dos viadutos da A-6; ademais da conxelación das tarifas nas autoestradas autonómicas e establecer o mesmo réxime de bonificacións na AP-53 que na AP-9.
O sector primario tamén ten cabida nas propostas de resolución do Grupo Popular, coa solicitude de axudas, por importe de 12 millóns de euros, para a produción de carne de calidade en extensivo; ou a rebaixa do IVE para os produtos de mar, a carne e as conservas.
Un último apartado das propostas de resolución ten que ver coa defensa do autogoberno de Galicia, con demandas dirixidas ao Goberno central. “Pedimos a cogobernanza na xestión dos fondos europeos que se ten reservado a Administración do Estado; o cofinanciamento da Lei de dependencia; o impulso de Galicia como nodo loxístico estratéxico do sur de Europa; o respecto ás lexítimas competencias de Galicia na xestión do dominio público marítimo-terrestre; a urxente convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira, onde se aborde a reforma do modelo de financiamento autonómico; ou a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para axilizar o traspaso de competencias prioritarias para Galicia, como a titularidade da AP-9 ou a xestión do ingreso mínimo vital”, dixo Paula Prado.
Para rematar, en referencia á situación política que se está a vivir a nivel estatal e internacional, desde o Grupo Popular se solicita que o Parlamento galego rexeite calquera proxecto que trate de romper a convivencia dos españois, e de destruír o valioso patrimonio que representa a condición de cidadáns libres e iguais en dereitos e obrigas; e se condene o terrorismo e calquera discurso que xustifique, minimice ou non condene as súas graves consecuencias. “O que estamos vendo en Israel estes días non ten xustificación algunha e ninguén pode permanecer impasible ante tanta barbarie e dor”, manifestou a viceportavoz popular.