Rueda lembrou que a Conta Xeral de 2022 revela que a
Xunta “fixo ben os deberes” na xestión dos recursos de todos os galegos
“cumprindo o obxectivo de déficit e débeda sen renunciar a ofrecer servizos de
calidade”. Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública,
Miguel Corgos, asegurou que o obxectivo do Goberno galego é “dar certezas á
cidadanía e ás empresas” neste contexto económico.
Por iso, Rueda explicou que a Xunta agardou o máximo
posible polos datos que lle debe proporcionar o Goberno central como son as
entregas a conta e o obxectivo de estabilidade orzamentaria, pero non pode
agardar máis para poder aprobar os orzamentos da comunidade cara 2024 en tempo
e forma. “Galicia precisa seguir funcionando”, subliñou o presidente.
Un ano máis, a Xunta cumpriu co establecido na lei
galega de disciplina orzamentaria de 2011 e aprobou o teito de gasto non
financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior
autorización. Este límite establece o máximo gasto que se pode acadar no
proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia.
Pola súa banda, en canto aos ingresos finalistas, a previsión é que se incrementen nun 16,6%, ata os 1.693M€, e o apartado doutros recursos non financeiros ascende a 919 millóns. En canto aos recursos extraordinarios, para 2024 o montante do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia volve superar os 500 M€ por segundo ano consecutivo e chega aos 508 M€.
En total, apróbase un teito de gasto non financeiro de
13.257 millóns de euros que está composto por 13.326M€ de ingresos non
financeiros cun axuste negativo de contabilidade nacional de 69 millóns de
euros. Ademais, tal e como salientou Corgos, “o orzamento de 2024 será o
primeiro en 16 anos nos que non será necesario recorrer ao endebedamento”.
Cadro macroeconómico
Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta
“actualizou á alza pero con prudencia as previsións económicas para o peche de
2023”, indicou Rueda.
En canto ao crecemento da economía galega, o Goberno
autonómico prevé un avance do 1,8% no 2023, unha décima máis do previsto nos
orzamentos vixentes. En canto á taxa de paro, para este 2023, a Xunta prevé que
a media do ano se sitúe por primeira vez desde hai 15 anos por debaixo do 10%,
en concreto no 9,8%.
E, para 2024, seguirase a consolidar o crecemento
económico, cunha taxa estimada no entorno do 2%, e a taxa de desemprego seguirá
baixando, en concreto outras catro décimas, ata o 9,4%.