A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacouo incremento do 8% do transporte público autonómico na provincia de Ourense, impulsado polas bonificacións e pola gratuidade para os menores 21 anos que desde xaneiro se vai estender tamén aos maiores de 65.
Vázquez Mourelle, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, visitou onte a estación de autobuses intermodal de Ourense, que incrementou nun 53% o número de viaxeiros nos 9 primeiros meses de 2023 con respecto ao mesmo período de 2019, acollendo máis de 395.000 usuarios.
A conselleira concretou que neste período do ano o transporte público na provincia sumou 166.000 usuarios máis, cun aumento de ata o 21% nos concellos da área de Ourense.
Destacou que hoxe 9.900 menores de 21 anos da provincia de Ourense, 5.500 dos municipios da área,viaxan gratis no autobús interurbano grazas á tarxeta Xente Nova da Xunta, un dispositivo que na comunidade teñen xa máis de 160.000 rapaces.
Avanzou a continuidade desta medida, xa que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución para ampliar a vixencia da gratuidade para os menores de 21 anos durante o vindeiro ano 2024.
Ethel Vázquez salientou, ademais, que desde o 1 de xaneiro esta gratuidade da que xa desfrutan os menores de 21 anos se vai estender tamén aos maiores de 65 anos, arredor de 97.000 persoas na provincia de Ourense, que se poderán beneficiar de 60 viaxes gratuítas ao mes empregando a Tarxeta de Mobilidade de Galicia, a TMG.
Para blindar esta nova medida, os Orzamentos daXunta de 2024 reservan unha partida concreta de 5 M€, no marco dun investimento de 100 M€ ao ano que dedica para garantir un transporte público en autobús útil e eficiente.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade recordou o esforzo sen precedentes que está a facer o Goberno galego polo transporte público, ao renovar e modernizar todas as liñas interurbanas. Esa modernización levada a cabo no transporte público autonómico permitiu pasar de 900 a máis de 3.500 liñas; de 1,5 millóns de servizos ao ano a case 2,4 millóns e servizos que se están prestando na actualidade; e de 20.000 a 56.000 paradas, permitindo que máis do 90% da poboación teña un punto de acceso ao transporte público a menos de 500 metros da súa casa.
A conselleira recordou que co Plan de Transporte Público de Galicia se abaratou con carácter xeral o prezo do billete, activando distintas bonificacións que chegan actualmente ao 50% e que impulsaron un aumento da demanda no transporte público.
Estación intermodal
Ademais da aposta polos servizos e os incentivos económicos, sinalou que a Xunta traballa na mellora das infraestruturas, como o caso da intermodal deOurense, á que a Xunta destinou un investimento autonómico de 9 M€, financiando integramente o custo da terminal de autobuses e o 65% do aparcadoiro.
Remarcou que a nova terminal de Ourense leva funcionando desde febreiro de 2021, a tempo para a chegada do AVE a Ourense. Porén, lamentou que dous anos e medio despois se siga agardando polo proxecto da reforma ferroviaria que debe executar o Goberno central.
Lembrou que este retraso do Goberno de España na intermodal de Ourense supón que non poderá comezar a executarse ata ben entrado o 2024 e levará a que non poida estar culminada antes de 2030, case 10 anos despois da chegada do AVE á cidade.
Lamentou que non haxa datas concretas e certeiras en relación a esa remodelación da parte ferroviaria, que supón o 93% das obras da intermodal e manifestou a inquedanza da Xunta ante a falta de concreción doGoberno de España para a execución da Variante Exterior de Ourense, xa que en cinco anos non actualizaron os proxectos e os prepararon para a súa execución. Nesta liña, demandou ao Executivo central que concrete os compromisos coa execución da Variante Exterior, unha infraestrutura imprescindible que debe completarse de forma íntegra, dixo.