Esta mañá a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, denunciou que
a condonación da débeda de 15.000 millóns de euros a Cataluña a cambio de
investir a Pedro Sánchez “vaille costar a cada galego 400 euros”, recriminando
neste sentido a Ana Pontón e a José Ramón Gómez Besteiro que estean “vendendo
Galicia a prezo de saldo só para que Sánchez siga na Moncloa”.
En
declaracións aos medios na sede do partido en Santiago de Compostela, a número
dous dos populares galegos reafirmou, ao igual que fixo onte o presidente
Alfonso Rueda, que “a dignidade de Galicia non está en venda” e que a súa
formación “seguirá defendendo a dignidade dos galegos” nun contexto no que “a
gobernabilidade de España está negociándose como se se tratase dun bingo”.
Prado
fixo balance dunha semana que describiu como “unha novela de terror
democrático” que comezou coa ministra María Jesús Montero dicindo que o pago da
débeda a Cataluña eran “inventos” do presidente Rueda “cando a realidade é que
eses cartos para Cataluña a costa dos galegos e galegas xa estaban enriba da
mesa”.
“Eses
15.000 millóns de euros vanlle costar a cada galego 400 euros”, afirmou ao
tempo que explicaba que se trata dunha cantidade que excede os Orzamentos da
Xunta para 2024. “Con eses cartos poderíase financiar o sistema público de
saúde de Galicia durante tres anos, administrar vacinas e facer cribados a
todos os galegos durante tres séculos, construír máis de 345.000 vivendas de
protección pública e pagar o servizo de transporte escolar a case 10 millóns de
estudantes”, engadiu.
Isto,
sen embargo, sería “só o comezo dos 450.000 millóns de euros que están
reclamando os independentistas cataláns xunto á amnistía, o referendo de
independencia e o traspaso do servizo de Cercanías”. Un prezo que, asegurou,
“os galegos non estamos dispostos a pagar nin consentir porque a dignidade de
Galicia non está en venda”.
PONTÓN E BESTEIRO ESTÁN VENDENDO GALICIA A PREZO DE SALDO
Dirixíndose
directamente aos partidos da oposición, Paula Prado recriminou tanto ao BNG
como ao PSOE que “estean vendendo Galicia a prezo de saldo antepoñendo os
intereses de Pedro Sánchez aos dos galegos e galegas”.
“Ana
Pontón volverá ser enganada polo PSOE como foi durante estes cinco anos logo de
facer presidente a Pero Sánchez a cambio de nada”, explicou insistindo en que
nestes anos “nada bo trouxo para Galicia o Goberno de Sánchez”.
Así
mesmo insistiu no feito de que José Ramón Gómez Besteiro forme parte da
comisión negociadora da investidura: “O señor Besteiro é un dos negociadores
que están vendendo Galicia e aprobando sen protestar que eses 15.000 millóns de
euros a Cataluña os paguen os galegos e galegas a 400 euros por cabeza”.
“A
señora Pontón e o señor Besteiro deixáronse comprar polo independentismo. Non
nos sorprende no caso dos independentistas do BNG nin agora dun PSOE galego que
lle pon a alfombra vermella ao señor Puigdemont e compañía”, concluíu Prado.