"Ao longo das últimas semanas, no contexto das
negociacións para a investidura do candidato á Presidencia do Goberno central,
estanse a abrir varios debates que afectan directamente ao presente e o futuro
do modelo territorial de España e tamén ao peto das galegas e galegos.
Tal e como avancei no Parlamento autonómico e no
Senado, Galicia non vai estar calada nin vai ser convidada de pedra ante unhas
decisións que afectan moi directamente aos piares do Estado das
Autonomías.
Non estamos falando de cuestións políticas de curto
percorrido, tampouco estamos falando de debates teóricos que non teñen
translación na vida real, nin tampouco falamos de asuntos que só incumben aos
habitantes dun territorio determinado sen influencia nos demais.
Do que estamos a falar, o que se está a negociar
nestes momentos de xeito bilateral, é nin máis nin menos que a modificación dos
principios que guiaron a España autonómica ao longo das últimas décadas.
Estamos a falar dos lazos de fraternidade que unen a uns españois con outros.
Estamos a falar da credibilidade das institucións e do imperio da lei e do
ordenamento xurídico. E estamos a falar dos criterios de distribución dos
recursos que son de todos e, por tanto, deben ser repartidos entre todos.
En resumidas contas, a igualdade entre todos os
cidadáns, nacesen onde nacesen, vivan onde vivan e pensen como pensen. De todo
iso é do que estamos a falar.
Onte, 2 de novembro, coñeceuse o texto do acordo entre
dúas forzas políticas, o Partido Socialista Obrero Español e Esquerra
Republicana de Catalunya. Neste acordo a investidura queda condicionada ao
cumprimento dunhas cláusulas que, de levarse a cabo, suporían sen ningunha
dúbida un importante agravio para Galicia.
Na práctica, este acordo suporía a transformación da
actual España autonómica nun modelo de Estado radicalmente distinto. Nun modelo
que estaría baseado na asimetría entre os diferentes territorios que conforman
a nación; no aumento dos privilexios duns poucos en detrimento dos dereitos do
resto; e sería exactamente, como anticipáramos ao longo destas semanas de
opacas negociacións, a materialización daquilo que negaran con vehemencia e
repetidamente os representantes do Executivo central.
O pacto que estamos coñecendo recolle que a Administración
Xeral do Estado vai asumir parte da débeda que ten con el a Comunidade Autónoma
de Cataluña: 16.300 millóns de euros (15.000 millóns correspondentes á débeda
principal e 1.300 que virían do aforro en intereses que esta asunción por parte
do Estado lle suporían á Comunidade autónoma de Cataluña).
Para poñelo en perspectiva e que se entenda ben.
Estamos falando de que sería o equivalente ao orzamento íntegro da Xunta
para todo un ano e a maiores, un trimestre; para quince meses. Estamos falando do
que supón o que custa prestar todos os servizos públicos desenvolvidos pola
Xunta de Galicia: a Sanidade, Educación e os Servizos Sociais. Todos eles
prestados durante máis de quince meses.
Tamén cita este pacto unha difusa e inconcreta vontade
de intentar compensar ao resto de comunidades autónomas. Pouco sabemos disto,
máis que unha declaración de intencións. Mais o pouco que se intúe desta
vontade permite adiviñar un novo agravio para Galicia, que nos veriamos
prexudicados por facer nestes anos o que se espera dunha Administración
responsable: limitar o noso nivel de endebedamento, que foi o que menos creceu
de toda España, e foi todo o contrario do que fixo o independentismo
catalán.
Falemos claro, porque hai que falar claro. Non pode
chamarse condonar o que realmente é mutualizar. Non podemos chamar condonar o
que se vai facer; que é repartir entre todos os españois, e por tanto entre
todos os galegos, a débeda acumulada por unha soa Comunidade
Autónoma.
O que se vai facer é asignarnos aos que xestionaron
con máis responsabilidade os excesos dos que foron irresponsables nesta
xestión. O que se vai facer é distribuír entre todos a débeda de Cataluña. E
isto suporá para cada galego asumir unha carga adicional de máis de 400 euros
dunha débeda que non é nosa. Estamos falando de máis de 1200 millóns de euros
que tería que asumir Galicia como factura que nos correspondería a toda a
comunidade autónoma por unha débeda que nós non xeramos. É aproximadamente o
coste de soster os servizos sociais durante todo un ano.
É dicir, Galicia vese especialmente castigada por unha
solución inxusta e que supón un pésimo incentivo ademais para os xestores
públicos responsables, como foi a Xunta durante todos estes anos.
E ademais os efectos perniciosos deste acordo van
moito máis alá deses 16.300 millóns de euros. Con este pacto bilateral quedan
ademais especialmente e gravemente erosionados dereitos dos cidadáns de toda
España, que están recollidos claramente e nitidamente no marco constitucional e
na Lei orgánica de financiamento das comunidades autónomas: a suficiencia, a
responsabilidade financeira e a solidariedade entre territorios.
Este tipo de arranxos volven traer á palestra a
urxentísimo necesidade, visto o que estamos vendo, de reformar xa o sistema de
financiamento autonómico. Simplemente para que este siga respondendo con
eficacia e equidade ás necesidades do conxunto dos cidadáns, e non ás
necesidades dun grupo ou dun territorio concreto. Este novo modelo que Galicia
reclama debe nacer dun consenso multilateral. E non hai outro lugar para
acadalo que no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira, ao contrario
dos pactos bilaterais que estamos presenciando.
Ademais, as liñas mestras do que debería ser este
pacto xa están esbozadas na Declaración institucional Foro Santiago, Camino de
Consenso, que rubricaron oito presidentes autonómicos en Santiago en novembro
de 2021, de diferentes signos políticos, pero orientados todos pola
solidariedade interterritorial. Cremos que mantén a súa vixencia renovada agora
mesmo moito máis ca nunca. Este pacto vén a dicir, e é o que defende Galicia,
que o que é de todos decídese entre todos. Non se pode decidir a porta pechada
entre dous partidos políticos. Iso nunca se pode facer. Por iso esiximos a
convocatoria urxente da Conferencia de Presidentes para debater conxuntamente,
e sen exclusións, sobre o futuro da España autonómica e do seu equilibrio
financeiro.
O documento coñecido onte tamén recoñece un “problema
de infraexecución de investimentos en materia de infraestruturas”. Pode ser un
diagnóstico acertado, pero se falamos do conxunto do territorio de España e,
polo tanto, incluímos a Galicia, en ningún caso pode ser un diagnóstico
acertado se se limita e se actúa só sobre unha única comunidade autónoma, como
fai este pacto.
Non podemos nin entender, e moito menos compartir, que se acorde o traspaso integral das cercanías ferroviarias e a inxección adicional de 132,7 millóns de euros á Generalitat de Catalunya, mentres que en Galicia todos percibimos como se acumulan os retrasos na entrega dos novos trens de alta velocidade; como permanece conxelada, sine die e sen noticias, a conexión ferroviaria con Portugal -mentres Portugal segue avanzando-; como segue aparcado o desenvolvemento do Corredor Atlántico Noroeste de Mercadorías -sen que teñamos ningunha noticia máis alá de desprezos institucionais-; como as autovías de competencia estatal que atravesan o noso territorio (fundamentalmente a A-6) se atopan nun deplorable estado de conservación e como se consuma a negativa, unha vez máis, do Goberno central á transferencia completa da AP-9 á nosa comunidade autónoma, aprobado, por certo, por unanimidade no Parlamento galego.
Previsiblemente, os acordos que coñecemos onte se
completarán en próximas datas con outros igualmente desequilibrantes e inxustos
para Galicia, e así ata acadar a maioría que busca Pedro Sánchez. Descoñecemos
aínda o montante total desa investidura insolidaria e asimétrica, tanto a nivel
económico como xurídico. Pero sabemos con certeza, polo que coñecemos e polo
que intuímos, que será especialmente inxusta para Galicia.
Esta desigualdade de trato non se limita á
distribución dos fondos, senón que se pretende que condicione tamén a
aplicación do conxunto do ordenamento xurídico. A extrema lasitude coa que se
interpreta a Constitución, que se intenta amoldar para responder ás inquedanzas
do independentismo catalán, transfórmase en férrea ortodoxia e inflexible
contundencia para atacar a lexislación autonómica desenvolvida no ámbito das
nosas lexítimas competencias. Acabamos de velo coa Lei do litoral recorrida con
máxima rapidez e nula vontade negociadora ante o Tribunal Constitucional.
España non pode ser unha nación asimétrica. Non nos
convencerán de que o prezo da convivencia pasa por sacrificar a igualdade entre
españois, e polo tanto tamén entre galegos. Ningunha investidura de ningún
candidato a ningún cargo público vai valer xamais tanto como iso.
A clave da cohesión da España actual é a solidariedade
entre territorios, que é o contrario do transvase de recursos duns en
detrimento doutros por criterios simplemente políticos e personalistas. Cando
este equilibrio se rompe, non triunfa ningunha comunidade: perdemos
todas.
Galicia non asistirá con resignación e en silencio á
substitución do Estado das Autonomías tal e como o coñecemos hoxe por un réxime
de intereses ideolóxicos, partidistas e persoais.
E desde logo, é ofensivo o xeito en que algunha
determinada forza política en Galicia acepta que con cuestións absolutamente
menores e prometidas reiteradamente se pretenda compensar un pacto como o que
onte coñecemos. Reclamamos un trato autenticamente equitativo e un sistema de
financiamento que garanta que os servizos públicos e as infraestruturas cumpran
cos mesmos estándares de calidade en todo o territorio nacional. Galicia vai
seguir sendo leal, o que non vai ser, en ningún caso, é submisa.
A voz das galegas e os galegos escoitarase con toda
claridade, con toda contundencia e coa autoridade moral que dá a unidade e o
respaldo, estou seguro, da gran maioría da sociedade galega. Esta fortaleza das
institucións do noso autogoberno é o que nos move. As nosas institucións e a
nosa cidadanía son exactamente igual de lexítimas que a das comunidades
autónomas do resto de España, e por suposto tamén que as das comunidades
autónomas ás que claramente se pretenden privilexiar por riba das demais para
lograr a investidura do Presidente do Goberno. Polo tanto, e a partir de agora
con máis forza que nunca, defenderemos a dignidade de Galicia."