O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno de España que axilice os traballos da Variante Exterior de Ourense, de tal xeito que se cumpran os prazos de execución previstos na contratación das obras desta infraestrutura ferroviaria.
A deputada popular Noelia Pérez lembrou que “a chegada da liña de alta velocidade á Ourense tivo lugar de xeito provisional hai dous anos, e digo de xeito provisional porque non todo o traxecto ten as características dunha liña de alta velocidade, é dicir, cun trazado adecuado, vía dobre e ancho internacional”. “A día de hoxe, desde Taboadela ata a capital ourensá mantense o antigo trazado do ano 1957 e os trens de alta velocidade circulan cunha vía única electrificada a menos de 100 quilómetros por hora, moi lonxe dos 300 quilómetros por hora que alcanzan na maior parte da liña”, apuntou.
SEN VÍA DOBRE
“Nada sabemos dos tres tramos que falta por licitar da variante exterior de Ourense que acabarán de conectar Seixalbo coa estación ourensá, pese a que o Goberno de Pedro Sánchez anunciou que a súa licitación tería lugar neste segundo semestre de 2023”, lamentou.
Pero é que, ademais, a deputada popular explicou que “o prego de cláusulas administrativas da estación intermodal de Ourense, no que se inclúe o plano de vías desta futura estación, non contempla a vía de dobre entrada na estación dos tres treitos pendentes, comprometida no seu momento e que xa tiña que estar licitada polo Goberno de Pedro Sánchez”.
Noelia Pérez criticou que “este novo desprezo do Goberno central a Galicia privará dunha redución dos tempos de viaxe cara a Meseta e que calquera avaría que se produza, ao existir unha vía única, supoña o corte ferroviario total entre Galicia e Madrid”. “Unha situación que acontecerá no eixo de alta velocidade que máis está a medrar en España, un 72 por cento fronte ao 43 por cento do eixo de Levante ou o 37 por cento do eixo Madrid-Barcelona”, concretou.
A deputada popular sinalou que “as obras nos dous tramos da variante exterior iniciadas a principios de 2022 van lentas e ao ritmo actual os prazos de execución previstos son imposibles de cumprir, ao que se engade o feito de que non sabemos nada en absoluto sobre os tres treitos pendentes de licitar e executar”.