martes, 5 de diciembre de 2023

Vázquez Mourelle cualificou de anomalía que a vía de comunicación entre Santiago e Ourense teña unha parte estatal de pago e outra autonómica gratuíta para os usuarios

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, demandou a liberalización da peaxe do treito estatal da conexión Santiago-Ourense, a AP-53, para que actúe como un verdadeiro eixe vertebrador do interior de Galicia.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade respondeu hoxe a unha interpelación no Pleno do Parlamento de Galicia, onde reiterou o obxectivo perseguido polo Goberno galego de que os cidadáns poidan desprazarse entre Santiago e Ourense sen pagar peaxe.

 

Cualificou como unha anomalía que ese eixe de comunicación teña unha parte, a estatal, que é de pago, e outra, a autonómica, que é de balde para os usuairos, con peaxe en sombra asumido pola Xunta.

 

Subliñou que o investimento anual preciso para converter a autoestrada estatal en libre de peaxe para o usuario sería similar ao que realiza o Goberno galego para manter libre de pagamento o treito autonómico ata Ourense, por iso insistiu na necesidade de liberar a parte estatal.

 

Remarcou que se toda esta conexión fose libre de peaxe aumentarían a calidade de vida dos cidadáns que viven ao carón da N-525 e a seguridade viaria, diminuiría o tempo da viaxe e se incrementaría a competitividade nos territorios que atravesa ese eixe interior.

 

Vías de altas prestacións libres de peaxes


Vázquez Mourelle explicou que a construción das autovías con pago aprazado mediante o sistema de concesión permitiu adiantar a posta en servizo de infraestruturas de altas prestacións, pero o Bipartito fixo un uso excesivo desta modalidade na época de maior bonanza económica, o que derivou nunha hipoteca para a Xunta, que non só dura ata hoxe, senón da que aínda restan anos por diante.

 

Precisou que o Goberno galego logrou reducir desde 2009 nun 60% o endebedamento deixado polo Bipartito que ascendía a máis de 4.100 M€.

 

Detallou que en Galicia hai cinco autovías autonómicas cuxa construción, mantemento e explotación foron contratadas baixo a modalidade de concesión de obra pública con peaxe en sombra nunha época de bonanza económica que a Xunta segue a abonar puntualmente.

 

Puxo en valor a eficacia do actual Goberno galego no emprego dos recursos públicos, que permitiu ir pagando as citadas débedas e ademais avanzar na construción de novas estradas libres de peaxes, favorecendo o reequilibrio territorial.

 

Subliñou que a xestión da Xunta posibilitou construír preto 220 quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe e manter nos Orzamentos dos últimos anos unha media anual de 50 M€ para a conservación dos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas.