domingo, 24 de diciembre de 2023

A Xunta destinará 5 M€ nos orzamentos de 2024 e ampliará a gratuidade no transporte autonómico da que xa se beneficiaban os menores de 21 anos a todos os maiores de 65 anos

 

A Xunta destinará 5 M€ nos orzamentos de 2024 a aplicar unha medida que ampliará  a gratuidade no transporte autonómico da que xa se beneficiaban os menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova. Deste xeito, a partir de xaneiro, todos os maiores de 65 anos que teñan a Tarxeta de Mobilidade de Galicia poderán viaxar gratis nas máis de 3.000 liñas de autobuses interurbanos da comunidade, no barco da ría de Vigo e no Feve da comarca de Ferrol. A previsión é superar os 700.000 beneficiarios potenciais.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou a importancia de ofrecer aos maiores un sistema de transporte accesible e económico. “O autobús axuda a que moita xente maior poida desprazarse e sirve tamén para socializar”, indicou para asegurar que “é un gasto importante” no día a día de moitas persoas que agora vaise “reducir a cero”.

Ademais, o presidente lembrou a aposta que desde hai anos fai a Xunta por promover unha mobilidade sostible entre o conxunto da cidadanía. Hai só unha semana, o Consello aprobou manter no 2024 os descontos do 50% no prezo do billetes do transporte autonómico e ademais conta con outras medidas como permitir o uso das prazas baleiras nos autobuses escolares nas zonas que non contan con liñas regulares, o servizo de transporte a demanda con máis de 22.000 paradas deste tipo ou a construción de estacións intermodais para facilitar os transbordos.