A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiu un escrito ao ministro Óscar Puentereclamando a celebración dunha xuntanza da Conferencia Sectorial ante a ausencia de información en relación ás previsións que manexa o Goberno sobre o sistema de bonificacións no tren e no transporte por estrada, dado que non se produciu ningunha comunicación nin diálogo coas comunidades, pese a ser esta unha cuestión “relevante para os usuarios do transporte público que deben desprazarse cada día”.
No seu escrito, a titular de Infraestruturas e Mobilidade traslada a preocupación do Goberno galego ao non coñecer as previsións que manexa o Executivo español en relación aos bonos gratuítos para os servizos de tren e para o resto de bonificacións do transporte público, tanto para o autobús estatal, como para o transporte público interurbano, de competencia das comunidades, como para o transporte urbano, de responsabilidade dos concellos.
A Xunta tamén pregunta ao Goberno de España se, en caso de manter a gratuidade dos servizos ferroviarios, esa medida virá acompañada, “por fin”, dun incremento de frecuencias e prazas que permitan atender axeitadamente a demanda do ferrocarril e lembra que, nos servizos do Eixe Atlántico as incidencias e os retrasos nos últimos tempos están a ser “constantes”.
No escrito, a titular de Infraestruturas e Mobilidade lembra, ademais, que o Goberno de España non ten concretado a medida de gratuidade no transporte público para menores, xente moza e desempregados anunciada no debate de investidura, polo que a día de hoxe non se sabe a que grupos alcanzará, en que transportes se aplicará nin cales son as condicións para poder ser beneficiario.
Ethel Vázquez recorda que a Xunta destina cada ano un forte investimento para garantir un transporte público interurbano de calidade aos galegos, tendo en conta que Galicia aglutina 30.000 núcleos de poboación, a metade de toda España. Estas características singulares da nosa comunidade vense reflectidas nos quilómetros de servizo de transporte por autobús que se realizan para atender á poboación e no esforzo orzamentario que requiren, 100 millóns de euros cada ano.
Ademais, tal e como recorda a conselleira, a Xunta vén traballando por unha mobilidade máis sostible, pero tamén máis social: Galicia foi pioneira ao implantar, no ano 2016 a tarxeta Xente Nova, coa que a día de hoxe 160.000 mozos menores de 21 anos viaxan gratis no transporte da Xunta; e tamén Galicia volverá ser pioneira ao implantar, o vindeiro 1 de xaneiro, a gratuidade para os maiores de 65 anos.
Para poder tratar entre o Goberno de España e as comunidades todos estes asuntos trasladados por escrito ao ministro de Transporte e Mobilidade Sostible, a Xunta reclama a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Transportes.