Nela o líder dos populares galegos Alfonso Rueda fixo un chamamento a protexer Galicia porque “o futuro da nosa Comunidade se decide aquí, sen mediadores, nin hipotecas e sen ningunha outra obediencia que non sexa aos galegos”. E porque o PPdeG, como “primeiro partido de Galicia”, ten que estar onde sempre estivo: “Do lado dos galegos e das galegas”.
“Sigamos a favor de todo aquilo que a xente nos pide que defendamos: máis oportunidades para a mocidade, máis apoios para os maiores e as familias e continuar defendendo proxectos empresariais que xeren emprego”, explicou ao tempo que aseguraba que Galicia é “imparable” e remarcaba que “non pode parar”.
Neste sentido pediu aos seus que poñan Galicia “por diante de calquera cousa” e sexan conscientes de que o partido é “unha ferramenta para defender os intereses dos galegos”, agora máis que nunca: “Nós debémonos a Galicia e a ninguén máis”.
A NORMALIDADE EXTRAORDINARIA DE GALICIA
O presidente Alfonso Rueda puxo como exemplo da estabilidade da que goza a Comunidade a aprobación esta semana dos Orzamentos de 2024 e remarcou que Galicia foi a primeira en facelo: “Algo que debería ser normal pero que nestes tempos resulta extraordinario e só nós fomos quen de facer durante 15 anos consecutivos”.
Unhas contas que, tal e como afirmou, “garantirán o futuro de Galicia” e mesmo a pesar do voto en contra dos partidos da oposición. De feito, explicou que “é importante” que se saiba que tanto o PSdeG como o BNG votaron en contra de continuar baixando impostos aos galegos, de que a educación infantil siga sendo gratuíta por terceiro ano consecutivo, de que os autónomos teñan ‘cota cero’, de que os menores de 21 anos e os maiores de 65 teñan transporte público gratuíto e de que as persoas dependentes coidadas na súa casas vaian contar cunha axuda de 5.000 euros ao ano.
“Hai que recordar que mentres os galegos contan cun Goberno que goberna, hai uns partidos na oposición que nin están a favor dos Orzamentos nin das medidas que inclúen”, abondou. O cal demostra para o presidente que “fronte ao partidismo de curto alcance e as liortas internas dalgúns, hai unha Galicia que é unha illa de estabilidade e conta cun Goberno, con planificación e con seriedade”.
De aí que considere fundamental blindar e protexer a Galicia fronte a todo isto: “Hai que protexer a Galicia dos pactos, dos silencios, das ocultacións, das hipotecas, dos incumprimentos e das turbulencias que non levan a ningunha parte”