viernes, 22 de diciembre de 2023

O Pleno da Deputación Provincial de Ourense aproba mocións en relación con Polígonos empresariais e Confederacións Hidrográficas


Hoxe a Corporación provincial de Ourense presidida por Luis Menor celebrou o seu pleno ordinario correspondente ao mes de decembro, no que se adoptaron varios acordos, dos que no capítulo de mocións, saliento:

Polígonos empresariais

1.- O Pleno da Deputación Provincial de Ourense asume a apoia ás seguintes demandas:

a) Necesidade dunha nova depuradora de augas residuais. A actual foi deseñada en 1997 para un escenario que en nada se parece ao actual. A problemática fundamental ven dada polos vertidos recorrentes ao rio Barbaña e que teñen suposto importantes sancións aos concellos nos que se ubican estes parques empresariais. Polo tanto faise precisa a dotación do orzamento necesario para a execución do proxecto (inicialmente de 30 M€) e que cumprirá reevaluar.

b) Ampliación de oferta de espazo empresarial no de San Cibrao (aprox 400.000 m2) e Pereiro de Aguiar (aprox 200.000 m2), e novo espazo (aprox 1,1 Mm2) no concello de Paderne de Allariz.

c) Conexión viaria entre parques, que conecte a cidade transporte, a zona leste e sur. É dicir, remate da conexión da VG-3.1 coa OU- 101.

d) Estación ferroviaria de mercadorías. Considerado un proxecto estratéxico que non só suporía unha importante mellora para as empresas existentes e futuras, senón tamén un importante aforro enerxético e económico, diminución de tráfico pesado e polo tanto de accidentes, e por suposto, menores custes de mantemento da rede viaria.

e) Elaboración e desenvolvemento dun proxecto de remodelación, mantemento e acondicionamento básico de viais e canalizacións. Existe xa unha memoria que cuantifica en 14 M€ as mínimas e necesarias reformas.

f) Posta en marcha dun plan de Transporte Metropolitano (que inclúa liña de "metro en superficie" entre as estacións de Empalme e San Francisco co polígono San Cibrao) que conecte a cidade e concellos limítrofes cos polígonos empresariais co duplo obxectivo de dar servizo, fundamentalmente ás persoas que alí traballan e ao mesmo tempo contribuír á diminución do tráfico de vehículos privados, coa correspondente mellora medioambiental.

g) Completar servizos que permita unha mellora en medidas de conciliación laboral.

2.- Remitir ás distintas administracións estas mesmas demandas co obxectivo de que sexan asumidas na medida que corresponda ás súas competencias.

Fondos das Confederacións Hidrográficas

1.  Instar á Confederación Hidrográfica Miño Sil e a Confederación Hidrográfica do Duero a un reparto igualitario e equitativo de fondos a todos os concellos pertencentes a cada conca.

2. Instar á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Confederación Hidrográfica do Duero a unha revisión, e nos casos que sexa posible, a unha simplificación de burocracia para dar maior axilidade coas autorizacións sectoriais dependentes deles.

3. Instar á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Confederación Hidrográfica do Duero a axilizar os traballos de limpeza dos leitos e marxes dos ríos, dado o seu estado de abandono polo seu escaso mantemento.

4. Instar á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Confederación Hidrográfica do Duero á axilización do procedemento correspondente en canto aos plans básicos municipais que están en tramitación actualmente, facendo posible contar con estes instrumentos urbanísticos fundamentais para os concellos que están a sufrir grandes retrasos derivados da lentitude coa que as confederacións hidrográficas realizan ditos procedementos.